InicioMedioambiente e PatrimonioEntre a polémica pola videovixilancia, solicitan declarar BIC a fonte de San...

Entre a polémica pola videovixilancia, solicitan declarar BIC a fonte de San Vicente

Lugonovo propón un protocolo de custodia da Policía Local, mentres Lugo Monumental e BNG coinciden en querer declarar BIC a contorna da fonte de San Vicente

PUBLICADA O

- Advertisement -

A recente agresión á fonte de San Vicente avivou un interesante debate acerca das medidas de protección do patrimonio histórico material. A asociación empresarial Lugo Monumental considerou necesaria a instalación de cámaras de vixilancia en circuíto pechado na Praza do Campo, proposta que o Partido Popular pediu estender a localizacións estratéxicas do casco histórico. Tal intrusión atopou posicións contrarias en Lugonovo e na plataforma Lugo Sen Mordazas. Asemade, xorde outra opción disuasoria: incrementar o nivel de protección legal da efixie.

A iniciativa para converter a fonte de San Vicente en Ben de Interese Cultural botou a andar o pasado domingo, cando Lugo Monumental presentou a solicitude no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Porén, só trascendeu logo de que o Bloque Nacionalista Galego anunciara a intención de promover esta medida.

Na formación pretenden ir alén disto, aproveitando a ocasión para iniciar os trámites e que a zona vella da cidade sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Así as cousas, os nacionalistas esixen a intervención do Concello e do goberno galego en defensa do patrimonio histórico en perigo, inquedos pola desorganización e a falta de responsabilidades polo acontecido na Praza do Campo.

O certo é que a instalación de videovixilancia no centro histórico xerou rexeitamento en varios sectores. A plataforma Lugo Sen Mordazas pronunciouse contra o que considera unha regresión de liberdades inxustificada, apuntando aos datos que sitúan a Lugo entre as provincias máis seguras do estado, e á diminución dos delitos de toda clase, incluídos os que afectan ao patrimonio. “Cremos que a solución sempre ten que ser o sentido común e a educación”, como amosa o feito de que foron os asistentes ao evento os que fixeron que os dous xoves desistiran de bailar sobre a fonte de San Vicente.

De igual xeito, en Lugonovo argumentan que o máis efectivo sería implementar un protocolo de custodia do patrimonio para a Policía Local, que non estaba presente na Praza do Campo a pesar da importante afluencia de xente e a febleza do monumento. “O que convén é ter máis axentes a pé na rúa, facendo un labor de disuasión efectivo. Unha Policía de proximidade e non unha virtual que só teña como misión sancionar con posterioridade o que lle revela, na distancia, un monitor”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...