UXT alerta de que a atención primaria na provincia de Lugo atópase “na UCI”, con problemas que na Mariña, a montaña e mesmo na cidade, onde é unha “constante” que a PAC de Fingoi estea “colapsado”.
O secretario da Federación de Servizos da UXT en Lugo, Elíseo Rivas, debullou un “problema de falta de facultativos”, pois “xa non é que non se substitúan, senón que hai localidades onde practicamente van un día á semana ou dúas”.
Tamén denuncia que “é inaceptable” que o Sergas pretenda que o persoal administrativo asuma competencias que non lles corresponden, “facendo unha especie de triaxe”. “Ou que o persoal de enfermaría asuma a longo prazo competencias que non lle toca”, advertiu.
Así, diagnosticou que a atención primaria na provincia de Lugo está “claramente na UCI”. “Fai falta vontade política para que a Xunta poña os medios e os recursos económicos para facer atractivo que os médicos veñan á nosa provincia”. “Cada vez hai menos solicitudes para facer a especialidade en médicos de familia para vir a Galicia e Lugo”, sentenciou.
Estes “problemas” en atención primaria desembocan, segundo Rivas, en “máis presión asistencial, non só sobre as urxencias dos hospitais senón na PAC, e así a PAC de Fingoi está colapsado polas carencias de médicos nos centros de saúde da cidade”.
Unha situación de “colapso” da atención primaria en Lugo que levou a que a Plataforma Sanitaria da Mariña convocase unha manifestación para o 19 de xaneiro en Burela.