InicioEconomíaO delegado do Goberno, sobre a instalación de Altri en Palas: "De...

O delegado do Goberno, sobre a instalación de Altri en Palas: “De momento non temos un proxecto firme”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, volveu pedir un "compromiso explícito" á Xunta de Galicia co emprazamento da sede da Axencia de Saúde Pública na cidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou, sobre o emprazamento do proxecto de Altri, a multinacional portuguesa de fibras téxtiles, en Palas de Rei, que hai que esperar a ver o proxecto. “De momento, non temos un proxecto firme”, indicou, en declaracións aos medios, nun escenario no que xurdiron dúbidas sobre a devandita localización.

“Estamos a falar dun proxecto onde simplemente se está comunicando unha zona onde se vai situar, pero non sabemos se teñen os permisos, non se fixo estudo de declaración de impacto ambiental, a propia empresa dixo que ata xuño non confirmaría o investimento”, esgrimiu, en declaracións aos medios nun acto en Lugo.

Miñones apelou “aos fondos de recuperación e o plan de recuperación marcado por Europa, e sacar convocatorias de concorrencia competitiva”. “A ninguén se lle pode escapar esa circunstancia, aquí non se trata de dar nominalmente unha contía económica senón desa concorrencia competitiva”, aseverou.

O delegado do Goberno incidiu en que “para iso están os plans estratéxicos, os Perte”. “E esperamos que Altri, se realmente o seu proxecto é viable, presente ese Perte, e por tanto concorra nesa concorrencia competitiva co resto de empresas que teñan eses proxectos para Galicia, que sexan tractores, que sexan dinamizadores tamén do emprego e esperamos que así sexa”, manifestou.

AXENCIA DE SAÚDE PÚBLICA

No mesmo acto, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, volveu insistir en pedir un “compromiso explícito” á Xunta de Galicia co emprazamento da sede da Axencia de Saúde Pública na cidade.

“Espero que agora manteñamos ese compromiso explícito, porque unha cousa é unha valoración positiva pero outra cousa é o compromiso explícito porque reitero que quen ten que presentar a candidatura é a comunidade autónoma”, resumiu, cando desde o PP se destacou que a postura da Xunta é favorable.

Méndez apelou á necesidade de “crear unha comisión”, entre Concello e Xunta, “para facernos fortes e así poder ser competitivos co territorio estatal”.

“Primeiro temos que presentar unha candidatura única en Galicia e despois competir co resto de candidaturas que se presenten a nivel nacional. Espero que ese compromiso non veña só da candidata do PP (candidata á alcaldía, Elena Candia), senón do presidente da Xunta que é quen ten que presentar esa candidatura a Madrid”, subliñou.

Sobre máis candidaturas en Galicia, a alcaldesa de Lugo sinalou que o “descoñece”, antes de agregar que, “de momento, non se abriu a convocatoria”. “E tampouco sabemos das esixencias que se van solicitar nesa convocatoria”, manifestou.

“Non sabemos se haberá máis candidaturas, e por iso queremos ese respaldo explícito da Xunta de Galicia”, concluíu.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...