InicioPolíticaA Deputación de Lugo espera aprobar antes de final de mes unhas...

A Deputación de Lugo espera aprobar antes de final de mes unhas contas que crecen un 10% ata os 110 millóns

Tomei presume da "repartición obxectiva" de fondos e o PP rebate que os concellos de PSOE e BNG levan dous terzos das achegas

PUBLICADA O

- Advertisement -

O goberno da Deputación de Lugo espera levar a pleno antes de que conclúa este mes de setembro as contas para o ano 2023, que ascenden a un total de 110 millóns de euros, un 10% máis respecto ao pasado ano e que o mandatario provincial, José Tomei, atribúe á subida das achegas do Estado.

O presidente lugués e alcalde de Monforte de Lemos tomou a testemuña do seu homólogo na Coruña e compañeiro de partido, Valentín González Formoso, na rolda de presidentes provinciais que este xoves pon o broche ás comparecencias parlamentarias de orzamentos na Cámara autonómica.

Alí, tras manifestar por regresar a que foi a súa “casa” como deputado no Grupo Socialista, José Tomei resaltou que o obxectivo do executivo provincial que encabeza –conformado por PSOE e BNG– é ter aprobados en pleno a finais de novembro as contas para que estean en vigor no mes de xaneiro.

Os orzamentos ascenden a un total de 110 millóns de euros, dos cales, Tomei destacou os 21,5 millóns que recibe de asignación inicial o ‘Plan Único‘, a través do cal a administración provincial realiza “un esforzo moi importante” para repartir fondos entre os concellos baixo criterios “xustos e obxectivos”.

“Lamentamos non poder dicir o mesmo da Xunta”, apostilou o responsable socialista, que comparou o 20% que representa nas contas provinciais este sistema de financiamento local con “apenas o 1,13% do orzamento total da Xunta” que vai parar ao Fondo de Cooperación Local.

OBRAS, ESTRADAS E SERVIZOS PÚBLICOS

Despois de situar a execución orzamentaria da institución entre “o 85 e o 90 por cento”, José Tomei subliñou que a deputación reserva case un terzo das súas contas, é dicir, 30 millóns de euros; para financiar actuacións na rede viaria da provincia, outra cifra que quixo comparar co investimento da Xunta nas estradas luguesas, ás que, segundo o presidente, dedicará 10 millóns de euros o próximo ano.

Ademais, tamén destacou a aposta polo programa ‘Feminino Rural’, orientado a favorecer a creación de emprego entre as mulleres no rural lugués e que se desenvolve en colaboración coa Asoicación de Mulleres Empresarias de Lugo.

Tamén terán continuidade en 2023 o proxecto ‘Acelera PEMEs’ e o programa ‘Reiníciache’, ao que se destinan 4 millóns de euros procedentes de fondos europeos para favorecer a inserción laboral de colectivos con dificultades para atopar emprego.

Neste punto, Tomei cargou contra a Xunta pola “ausencia” dun plan industrial para a comarca da Mariña que tamén bota en falta en Lugo e en toda Galicia. “Nin bo, nin malo, nin regular; simplemente non o hai”, apostilou.

En canto ao gasto social, o presidente avanzou que en 2023 a rede provincial de centros de maiores contará con nove residencias –as últimas comprometeunas para Navia de Suarna e Ribas de Sil– e que a administración traballa na elaboración doutro nove proxectos noutros tantos municipios.

Por último, apuntou a captación de 1 millón de euros, tamén chegados de fondos comunitarios, para os 29 municipios que conforman as dúas Reservas da Biosfera da provincia –Terras do Miño e Os Ancares–, onde levarán a cabo proxectos para impulsar o sector primario e o turismo “sustentable”.

PP CRITICA REPARTICIÓN DE FONDOS

Na quenda dos grupos, o deputado do PP Daniel Veiga puxo en dúbida que a repartición de fondos a través do ‘Plan Único’ leve a cabo con criterios obxectivos, como defendeu o presidente; xa que asegurou que os municipios gobernados polo Partido Socialista repártense o 63% do total, o 5% vai para “o catro alcaldías que ten o BNG” e o 32% “para o grupo maioritario” na provincia, o PP.

Para o parlamentario popular, é “o dedo divino” do presidente provincial o que determina que concellos reciben fondos e canto levan. Ademais, Veiga negou que a Xunta non incremente de face ao próximo ano as partidas asignadas ao Fondo de Cooperación que, segundo aseverou, aumentan un 14%.

Así mesmo, Veiga tachou a Tomei de ser un presidente “moi pasota” coas infraestruturas da provincia, á vez que denunciou que as promesas de construción de novas residencias “non se cumpren nunca”.

Ante isto, na súa quenda de peche, o presidente provincial defendeu o gasto social do seu goberno fronte a unha Administración autonómica ten “40 veces máis orzamento” en políticas sociais que a Deputación de Lugo e vaticinou que os compromisos recolleitos nas contas da Xunta de 2023 para a construción da Rolda Este de Lugo quedarán “en nada”. “Non se vai a construír nin un só metro”, apostilou.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...