Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas un veciño da cidade como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir a súa parella durante unha discusión.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron durante a mañá deste luns, nun domicilio da rúa Rolda das Fontiñas. Ata alí desprazáronse axentes da Unidade Territorial da Policía de Barrio tras recibir un aviso sobre un episodio de violencia de xénero.
O aviso alertaba sobre un home que estaba a golpear a súa parella, á que agarraría polo pescozo. Unha vez no lugar, os policías entrevistáronse coa parella, que afirmou que “simplemente” discutiran.
Con todo, tras unha inspección ocular, solicitadas as declaracións das testemuñas e en vista das lesións da muller, os axentes detiveron o presunto autor da agresión. Mentres, a vítima foi trasladada por outro indicativo policial a un centro sanitario.