InicioMedioambiente e PatrimonioO Concello de Lugo comeza a tomar medidas ante a seca prolongada

O Concello de Lugo comeza a tomar medidas ante a seca prolongada

Lavará as rúas en días alternos como medida preventiva.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo decidiu tomar medidas preventivas fronte ao “posible agravamento da seca” e avanzou, entre outras cuestións, que a partir de agora nas calzadas da cidade farase un baldeo mecánico e dous mixtos –este último inclúe un varrido manual básico–, de luns a sábado, como antes, pero en días alternos. Ademais, o lavado de beirarrúas e de prazas mantense de luns a domingo, pero cunha hidrolimpadora, en lugar das dúas coas que se realizaba esta limpeza ata agora.

“A vontade do Goberno local é adecuarse á realidade hídrica que vivimos, sendo sensibles a un posible empeoramento da mesma se esta climatoloxía perdura e co obxectivo de actuar en consecuencia para evitar, na medida do posible, outro tipo de restricións que ocasionen un maior prexuízo á cidadanía“, expresou o concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Miguel Fernández.

Nesta mesma liña, o edil explicou que pasarán a empregar un 30% menos de auga para a conservación dos espazos axardinados e priorizaranse “os máis sensibles e aqueles que teña plantada flor de tempada”. Neste caso, Fernández detallou que a cantidade podería diminuír “ata o 60 ou o 90%” se a Confederación Hidrográfica determinase “un empeoramento da seca”.

En canto á limpeza viaria, Miguel Fernández especificou que se destina a esa función unha media de 2.245,88 m3 ao mes, que durante o verán se reduce nun 20% ata os 1.797,32 m3 mensuais. Agora, ante as circunstancias actuais, o edil asegurou que con esta redución do baldeo chegará ata o 50%, o que suporá a utilización de “ao redor de 1.122,94 m3 de auga ao mes”. No caso de agravarse a situación, puntualizou que se baixará ao “75% en prealerta, ao 90% en alerta ou se eliminará se así o considera a Confederación Hidrográfica”.

Así, aínda que na capital lucense nestes momentos non existe unha situación de prealerta ou alerta de seca, o consistorio municipal trata de “tomar conciencia” e aplicar pautas que, “mantendo a hixiene da cidade”, permitan “velar por unha utilización máis eficiente e responsable dos recursos naturais”.

RECIRCULACIÓN DA AUGA DA DEPURADORA

Por outra banda, sobre a posta en marcha da recirculación da auga da depuradora para “garantir o caudal hidrolóxico do río Miño”, tal e como demandou este martes o grupo do PP no consistorio, o Goberno local quixo aclarar que é unha cuestión sobre a que “xa está en permanente contacto coa empresa que xestiona o ciclo da auga” no concello para “aplicala no caso de que sexa necesario”.

Neste sentido, o edil de Medio Ambiente explicou que este sistema se contempla “para cando o valor do caudal ecolóxico do Miño sexa inferior a 1,44 m3/s no caso do mes de agosto.

Nestes momentos, afirmou, eses valores sitúanse nos “4,65 m3/s”, o que, engadiu, “supón catro veces o mínimo establecido para activar o sistema”. Ademais, apuntou que “ten uns custos moi elevados, xa que o operativo depende da subministración enerxética para poder tratar, bombear e desprazar toda esa masa de auga río arriba”.

“Trátase dunha medida que contemplamos desde o Executivo, pero débese adoptar no momento no que as condicións así o requiran para evitar un malgasto dos recursos públicos”, insistiu o responsable de Medio Ambiente.

ÚLTIMAS

Unha muller morta e tres feridos, entre eles os seus fillos menores, nunha saída de vía en Xermade

Unha muller morreu na tarde deste luns nunha saída de vía en Xermade, na que...

Rueda ratifica a creación do edificio con 50 aloxamentos compartidos para mozos na rúa Illa Coelleira da cidade de Lugo

Lugo cidade e a provincia centraron este luns a reunión semanal do Executivo autonómico,...

Luz verde ambiental a un parque eólico de Naturgy en Láncara, Baralla, Castroverde e Baleira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa este luns da declaración de impacto ambiental que...

Dous detidos e varios feridos tras unha pelexa con arma branca nun local de lecer de Lugo

Unha liorta nun local de lecer do barrio histórico de Lugo saldouse con dúas...