A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou este mediodía a carón da Torre que, tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade dos terreos, este venres levarán á Xunta de
Goberno a “proposta de compra da parcela na que se sitúa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal”.
Maite Ferreiro destacou que por primeira vez unha administración dá un
paso firme na protección da Torre da Caldaloba, avanzando na súa
incorporación ao patrimonio público co obxectivo de desenvolver un
proxecto de recuperación e posta en valor desta construción de grande
interese histórico e simbólico para Galicia.
Segundo o levantamento topográfico realizado para a adquisición, a
parcela mercada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta cunha
superficie de 19.596 metros cadrados e inclúe a metade da Torre -53
metros cadrados de planta- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos
escavados no perímetro da edificación. Tamén un pozo artesán de 5 a 7
metros de profundidade e o acceso principal: un camiño rural,
pertencente a unha rede de camiños nunha zona de concentración
parcelaria, de 160 m de lonxitude, cun tramo duns 2,50 metros de ancho.
A responsable provincial lembrou que expertos en patrimonio e colectivos
culturais levan anos advertindo do “deterioro da estrutura” e reclamando
a titularidade pública da edificación “sen ningunha resposta por parte da
Xunta de Galicia”, á que corresponde a protección do patrimonio. “Actuamos para evitar que a estrutura sufra danos irreversibles, ante o desleixo de máis de vinte anos por parte da Xunta de Galicia, que se limita a facer anuncios sen concreción ningunha mentras o deterioro da Torre
avanza”.
Maite Ferreiro avanzou que “a intención da Vicepresidencia da Deputación
é acadar, en canto sexa posible, a propiedade da totalidade da Torre e
da súa contorna de protección coa adquisición da parcela colindante”,
concretando que “xa se ten feito algún contacto coa propiedade para acadar un acordo; de non ser posible estudaríanse outras vías de actuación”.