InicioSociedadeDenuncian "graves irregularidades" nas obras entre San Roque e Carril das Flores,...

Denuncian “graves irregularidades” nas obras entre San Roque e Carril das Flores, en Lugo

Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo piden a súa "inmediata paralización".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo denunciaron diante do Concello de Lugo “graves irregularidades” que afectan as obras que se están a realizar na esquina entre as rúas San Roque e Carril das Flores (Camiño Primitivo) e solicitan a súa “inmediata paralización”.

Estas obras, segundo explican, estanse a realizar actualmente fóra do prazo concedido ao efecto (establecido en seis meses na resolución de aprobación do proxecto de urbanización, publicada no BOP de Lugo o 20 de outubro de 2021), sen reunir os requisitos e garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico e sen cumprir a normativa de accesibilidade.

“Os documentos técnicos non só contemplan a reurbanización do tramo do Camiño Primitivo adxacente ao quinteiro 214-A, senón a súa reconfiguración en planta e en perfil, o que altera as aliñacións e rasantes actuais desta vía”, explican os colectivos nun comunicado. Deste xeito, ambos documentos exténdense sobre unha vía pública (Carril das Flores/Camiño Primitivo) exterior ao ámbito no que o PEPRI lles facultaba a actuar, denuncian.

Así mesmo, o Foro do Camiño Primitivo alerta que o proxecto de urbanización “tampouco é concordante” coa Modificación de planeamento previamente aprobada, no que atinxe á pendente resultante no Camiño Primitivo/Carril das Flores e ao muro que actualmente salva o nivel entre o Carril das Flores e a rúa Montero Ríos.

Aseguran que o incremento de “máis de dous puntos porcentuais” de pendente emperorará aínda máis as actuais condicións de accesibilidade. “Non só contravén de xeito manifesto a normativa, senón que resulta especialmente grave ao afectar a unha rúa cunha importante función peonil -non só como vía de peregrinación senón tamén de acceso ao centro histórico desde barrios exteriores- e a un tramo de carácter moi singular, inmediatamente previo á entrada na cidade histórica”, explican no comunicado.

Desde o Foro do Camiño Primitivo aseguran non ter constancia de que o Concello estea a adoptar as medidas necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, nunha zona de “fertilidade arqueolóxica acreditada polos achados descubertos nas proximidades”. “Fixéronse remocións de terras que afectan o subsolo do quinteiro 214A, sen que haxa constancia real de control municipal ningún”, denuncian.

A maiores, sinalan, as obras en execución levan “máis de tres meses ocupando parcialmente a vía pública sen contar cos preceptivos carteis”, requiridos polas ordenanzas municipais. Por todo isto, o Foro solicitou á máxima autoridade municipal a “paralización inmediata de ditas obras en tanto non se emenden as deficiencias detectadas e se
garanta o mantemento das actuais condicións de accesibilidade no dito tramo”. Así mesmo, solicitouse que se adoptaran as medidas pertinentes para salvagardar os restos arqueolóxicos.

ÚLTIMAS

O campo galego pulsa o centro de Lugo e chama á folga cidadá este martes

Gandeiros e agricultores de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema iniciaron este luns a...

Lugo véndese en Fitur como a gran ‘Reserva Natural’ de Galicia

A Deputación de Lugo presenta esta semana en Fitur a oferta turística da provincia,...

Xuízo en Lugo polo intento de secuestro dunha menor de 14 anos en Vilalba

A Audiencia Provincial de Lugo celebrará o vindeiro martes, a partir das 10.00 horas,...

Os gandeiros realizan unha nova marcha a pé con vaca incluída en Lugo e solicitan reunións con eurodeputados

Os gandeiros e agricultores da provincia de Lugo, dirixidos por Agromuralla e Gandeiros Galegos...