InicioPolíticaDefensa desde o PP de Lugo da "transparencia e axilidade" da Xunta...

Defensa desde o PP de Lugo da “transparencia e axilidade” da Xunta para solucionar o derrube da estrada do Courel

"Seguimos sen saber que pasou exactamente no viaduto nin tampouco nada da solución definitiva", expresaron os populares.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PP de Lugo defende a “transparencia e axilidade” da Xunta para dar solución ao derrube da estrada LU-651, que une Folgoso do Courel con Quiroga, caída desde o pasado 20 de marzo, e afirma que as obras de acceso provisional a Folgoso estarán finalizadas “en poucas semanas”. Así mesmo, detallan que o investimento da Xunta nesta “obra de emerxencia” que están a executar é de case un millón de euros.

Nun comunicado en resposta ás declaracións este sábado do secretario xeral dos socialistas lucenses, José Tomé, nas que demandaba á Xunta “explicacións e solucións” sobre este tema, o PP de Lugo destacou que a administración autonómica puxo encima da mesa, “desde o primeiro momento”, alternativas para liquidar o problema “de maneira consensuada co concello”.

Ademais, asegurou que a Xunta primeiro declarou a emerxencia para poder executar unha actuación que liquidase o problema con “a máxima axilidade posible, ofrecendo unha solución rápida e segura” que, segundo sinalou, “é a que se está executando e estará finalizada en poucas semanas”. Despois, engadiu, “traballarán para ver a mellor alternativa que permita dar solución definitiva ao problema”.

Nesta mesma liña, os populares lucenses afirmaron que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse en varias ocasións coa alcaldesa de Folgoso do Courel e desprazouse ‘in situ’ á zona e tamén o director da Axencia Galega de Infraestruturas deu explicacións no Parlamento de Galicia.

CORTINA DE FUME

Por outra banda, os populares lamentaron que José Tomé “non dixese nin unha soa palabra do Courel ata que caeu o viaduto da A-6” e censuraron que “non se preocupase polos veciños e que utiliza agora o tema como cortina de fume para tapar a ineficacia do goberno de Pedro Sánchez ante a problemática existente na A-6”.

Neste sentido, criticaron que a alternativa do Ministerio de Transportes “non soluciona os dous principais problemas nestes momentos” que, ao seu xuízo, pasan por “sacar o tráfico pesado do núcleo de Pedrafita” e “dar solución aos problemas dos transportes especiais”. “Seguimos sen saber que pasou exactamente no viaduto nin tampouco nada da solución definitiva”, expresaron os populares.

En definitiva, o PP lucense pediu ao secretario xeral do PSOE en Lugo que “non utilice O Courel ao seu antollo”, mentres na estrada LU-P-1301, competencia da Deputación de Lugo da que é presidente José Tomé, “o único que foi capaz de facer é pavimentala cando é totalmente necesaria unha reforma integral para non dificultar o paso de vehículos grandes”.

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...