InicioSucesosCondenado a vinte e un meses un dos tres acusados de gravar...

Condenado a vinte e un meses un dos tres acusados de gravar e difundir un vídeo sexual en Vilalba

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os outros dous investigados foron absoltos por falta de probas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un do tres acusados de gravar e difundir un vídeo sexual dunha parella no parque do cemiterio de Vilalba foi condenado a un ano e nove meses de cárcere por un delito de descubrimento e revelación de segredos, xa que recoñeceu ser o autor da gravación.

O xuízo, previsto para este mércores ás 12,00 horas no xulgado Nº2 de Vilalba, non chegou a celebrarse, posto que as partes chegaron a un acordo –ditándose sentenza de conformidade na sala–.

Para a pena do único condenado, explican, tívose en conta a atenuante de confesión, “xa que o investigado recoñeceu os feitos en todas as fases do procedemento, xa en sede policial”. A pena queda suspendida durante dous anos porque o condenado carece de antecedentes, sendo así mentres o acusado non delinca e abone á vítima, en concepto de responsabilidade civil, 9.000 euros.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os outros dous investigados foron absoltos por falta de probas.

Segundo relataba o escrito de Fiscalía, en setembro do ano 2016, mentres dúas persoas mantiñan relacións íntimas nas inmediacións do Parque do Cemiterio de Vilalba, dous dos acusados procederon a gravalos “cunha clara finalidade de prexudicar a reputación” da vítima, sen que ningún dos compoñentes da parella fose consciente nin desen consentimento para ser gravados.

Posteriormente, os que gravaron o vídeo, deron conta da súa existencia ao seu amigo e, de común acordo, acordaron a súa difusión a través da aplicación de mensaxería instantánea Whatsapp, principalmente nas zonas de Vilalba, As Pontes e A Coruña. A vítima foi alertada da existencia das imaxes por persoas coñecidas ás que lles chegou o vídeo.

Así mesmo, o escrito de acusación sinala que a difusión destas gravacións “obtidas furtivamente” lesionou “gravemente” a intimidade da vítima, “sen que en ningún momento puidese facer uso da facultade de decidir a exclusión do coñecemento das devanditas imaxes por parte de terceiros”.

A consecuencia destes feitos, da súa difusión e repercusión social das imaxes captadas, “sufriu unha situación persoal de angustia e presentou síntomas de estigmatización”.

Por estes feitos, o Ministerio Fiscal pide catro anos de prisión polos delitos de descubrimento e de revelación de segredos para os autores da gravación, mentres que para a persoa que autorizou a súa difusión solicitan tres anos polos mesmos delitos, ademais dunha multa de seis euros diarios durante 20 meses.

Por outra banda, a Fiscalía demanda que os acusados indemnicen conxunta e solidariamente con 12.600 euros á vítima polos danos psicolóxicos e morais sufridos.

ÚLTIMAS

Miguel Fernández estrutura o seu goberno tras a incorporación da edil María Reigosa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou este martes o decreto de reorganización do...

Luz verde ambiental da Xunta ao proxecto para a construción de 1.200 vivendas no barrio Sacro Corazón

A Xunta informou este martes de que deu "luz verde ambiental" ao Proxecto de...

O BNG urxe ao Goberno a cumprir o pactado e crear xa o xulgado de violencia de xénero en Lugo: “As demoras son inxustificadas”

O Bloque Nacionalista Galego instou ao Goberno do Estado a "acelerar" os trámites necesarios...

Expulsan a tres alumnos dun colexio de Lugo por un novo caso de acoso escolar

Un centro escolar de Lugo expulsou a tres alumnos tras detectar un posible caso...