Coidado que se achega o verán! E agora que o CIS aconsellou a Pedro Sánchez declarar a fin práctica da pandemia, é máis que posible que se multipliquen as vodas. A última e menos sorprendente será a da Xunta co sector madereiro, prevista para finais deste ano nas 150 hectáreas de Palas de Rei sobre as que a compañía lusa Altri construirá a súa gran fábrica de tratamento de eucalipto. O enlace, que prevé contar coa asistencia do presidente emérito Feijóo, é a última comuñón entre dúas dinastías con amplos lazos coñecidos. Por exemplo, o de Isabel Tocino –ministra de Aznar– con ENCE, onde dende 2013 desempeña labores no Consello de Administración. Ou o caso do tamén popular Carlos del Álamo, que pasou de xestionar Medio Ambiente baixo o Fraguismo á compañía salvada in extremis coa prórroga ilegal de Rajoy.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.
As mostras de amor profesadas son, en fin, incalculables. Por iso aínda que o proxecto non pase de globo sonda –e deba lograr aínda o visto bo medioambiental– a firma portuguesa ve xa “garantido” o acceso aos terreos. Tamén a Xunta está mercando o arroz antes de contar co “si” da compañía, que non moverá unha pedra sen antes lograr uns 240 millóns de diñeiro público, provenientes dos fondos europeos.
Pero, como en todas as parellas, non todo son rosas e viño. Porque o proxecto de Altri ten a silueta perfilada pola sombra do sospeita: as declaracións non encaixan, as cifras bailan como deberían facer os futuros cónxuxes e a cerimonia podería levar por diante unha zona natural con especies protexidas. Por iso a Xunta anunciou xa que activaría toda a maquinaria da desregulación administrativa –as chamadas ‘leis de depredación’— a fin de acelerar ao máximo o enlace. E, se polo camiño queda algunha especie endémica ou tal río, dicir logo que o amor xustifica todo ou case todo.
Deixando a un lado a poesía, o proxecto de Altri en Palas xera un cúmulo de suspicacias que fan dubidar da viabilidade das súas promesas. Jose Soares da Piña, conselleiro delegado da marca, deu unhas declaracións interesantes ao seu paso polas camas de masaxe da prensa acomodada do país. A fábrica, dedicada á elaboración de fibras téxtiles a partir de madeira, xeraría 2.500 empregos entre directos e auxiliares. Feijóo falara de 1.000 nos albores da iniciativa, en 2020. E máis tarde os contraíntes apuntaron a 1.500. Pero, en todo Portugal –onde o volume de negocio sería moito maior que en Palas–. Altri emprega só 774 persoas, de acordo coa economista María do Carme García Negro. De aí que a investigadora cifre en menos de 200 os postos de traballo esperables para a planta de Lugo. “É imposible empregar a 2.500 persoas [nun proxecto así]”, apuntou en xornadas pasadas nun artigo de opinión.
E VIVIRON FELICES AO PÉ DUN EUCALIPTO
Pero, que é exactamente iso do lyocell que producirá Altri? Pois unha sorte de fibras téxtiles feitas a partir de madeira. E de que madeira? A Xunta evitou amentar directamente unha especie na promoción do aínda-non-acordo, pero Soares foi máis directo. A fábrica tragará, principalmente, eucalipto. E ollo, porque de acordo cos cálculos de Adega e a SGHN, a demanda agardable de Altri multiplicaría nun 30% a demanda de eucalipto en Galicia.
Aquí comezan os problemas. En 2021, a Xunta aprobou unha moratoria que teoricamente impide a plantación de novos eucaliptais até 2025. Como se fornecerá entón unha fábrica que precisará ata 1 millón de toneladas ao ano, segundo cifras da propia empresa? Os ecoloxistas veno claro: seguirán proliferando as plantacións ilegais que veñen denunciando nos últimos meses. “A Xunta recoñeceu que incumpriran o plan forestal de 1992 na redacción do novo plan. Que razón hai para pensar que van ser máis estritos agora na aplicación da moratoria?”, pregúntase Fins Eirexas, Secretario Técnico de Adega.
Precisamente, dende o ecoloxismo subliñan que Altri escolleu Galicia para ampliar o negocio do eucalipto pola disposición da Xunta a esta especie pirófita invasora. “Galicia foi a primeira e a opción ideal”, desvelou Soares nunha entrevista a outro coñecido medio. “Portugal aplicou unha moratoria de verdade ao eucalipto tras o incendio de Pedrograo grande”, explica Fins Eirexas apuntando á vontade de deslocalización da compañía: “Galicia é un territorio abonado politicamente ao eucalipto”.
TRAMITACIÓN ÁS PRÉSAS
Noutra das publirreportaxes concedidas por Soares, o CEO de Altri destacou a práctica ausencia de barreiras á implantación do proxecto, reincidindo no triunfalismo da páxina web. Pero non debería ser así. Porque aínda no caso de que a UE abra a carteira, Altri deberá probar que o impacto da fábrica ambiental é tan reducido como promete. E iso está complicado, comezando polas contradicións do propio Soares. O empresario subliñou que a planta emitiría só vapor de auga, ou case. O “case” está na incineradora coa que pretenden abastecer de electricidade á planta ante o custe da enerxía; queimando, claro, eucalipto, como xa fai Greenalia na súa planta de Curtis.
O outro problema está nos terreos proxectados para a fábrica. Nos anos do Bipartito, a Xunta identificou miles de hectáreas de monte galego con vistas protexelo baixo a etiqueta da Rede Natura 2000; que, de facto, impediría a implantación desta clase de proxectos. Coa chegada de Feijóo, a ampliación da Rede Natura quedou nun caixón, sen importar as chamadas de atención da Comisión Europea ante tal incumprimento.
Acontece que os terreos de Palas escollidos por Altri forman parte desa zona a ampliar, e non é para menos. A parcela, duns 150.000 metros cadrados, acolle multitude de especies ameazadas; tanto aves como anfibios, pasando asemade pola flora. As organizacións ecoloxistas mobilizadas contra o proxecto apuntan á presenza de exemplares endémicos “únicos no mundo”, tres deles tamén en perigo de extinción. Se cadra por isto a Xunta anunciou xa que tramitaría a planta como “proxecto ambiental estratéxico”, unha fórmula made by Feijóo que recorta a metade o tempo da cidadanía para presentar alegacións ante Medio Ambiente.
Por último, a dúbida queda posta na auga. O conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde xa explicou que a fábrica non sería viable na Mariña pola escasa dispoñibilidade do recurso hídrico, que debe ser doce e en cantidades. Unha tonelada de lyocell precisa ate 2’5 millóns de litros para a súa elaboración, segundo os ecoloxistas, de forma que a fábrica consumiría ata 500.000 millóns de litros por anualidade. “A poboación de Palas de Reis tardaría máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga”, incidiron en xornadas pasadas.
E auga non falta, porque a fábrica, á parte de instalarse sobre unha zona con compromiso de protección, limita con outro espazo natural que si está cuberto polo selo da Rede Natura. Queda por ver como se materializaría o impacto ambiental e, en suma, a letra pequena deste proxecto que podería eternizar o eucalipto en Galicia por outros 50 anos. Porque, polo momento, a fábrica de Altri en Palas non é máis que aire. Pero do aire ao fume media só a sinatura dun decreto.