A Fiscalía de Lugo alcanzou un acordo de conformidade coas acusacións particulares e defensas dos acusados na chamada ‘Operación Pollo’, que acusou 17 persoas de traer cidadáns de Marrocos para empregalos en empresas en Lugo “en condicións laborais pésimas”.
Así, o vindeiro mércores 4 de maio celebrarase na Audiencia Provincial de Lugo a vista para confirmar o acordo, que ofrece aos 17 acusados penas de prisión que como máximo chegan aos dous anos (a un dos acusados).
“Un acordo á baixa que supón que todas as persoas ás que acusaba a Fiscalía serán condenadas en termos razoables, tendo en conta o tempo transcorrido desde que ocorreron os feitos, a gravidade dos seus respectivos comportamentos e o feito de que consignaron cantidades económicas relevantes para reparar o dano causado”, recolle o Ministerio Público.
Informan ademais de que as vítimas serán indemnizadas con cantidades “que as acusacións particulares consideraron adecuadas” e que oscilan entre os 1.000 e os 3.100 euros.
A Fiscalía de Lugo valora positivamente este acordo ao que chegou tras varios meses de negociacións e que poderá evitar a celebración dunha vista oral “que podería durar semanas, xa que hai 30 partes personadas e estaba prevista a declaración de máis dun centenar de persoas”.
Indican ademais que o acordo parte da situación de rebeldía procesual do principal acusado os feitos (Mohamed Chahidi), que permanece fuxido tras saír de prisión, polo que non lle afecta este acordo. “Se no futuro é achado, poderá celebrarse o xuízo contra el”, remarcan.
FEITOS
Segundo relataba a Fiscalía no seu escrito de acusación en 2019, M.C. durante os anos 2006 e 2008 “dedicouse a organizar e facilitar” a entrada de cidadáns marroquís “enriquecéndose” con cantidades entre 8.000 e 14.000 euros que estaban dispostos a pagarlle a cambio de obter a documentación necesaria.
Así, o acusado dicíalles, “a propósito da súa falsidade”, que cobrarían un salario elevado, o que lles permitiría amortizar o pago inicial. Para o pago desta cantidade, o traballador e toda a súa familia “víanse obrigados a realizar gravísimos esforzos económicos que incluían a venda das súas propiedades”, sinala o Ministerio Público.
“Co fin de burlar a lexislación de estranxeiría e de enriquecerse”, M.C. contactou con C.O.R., empresario español do sector agropecuario lucense, quen coñecía a gandeiros da zona de Castro de Rei e proximidades. Deste xeito, ambos “propuxéronse enriquecerse captando estranxeiros dispostos a pagar diñeiro a cambio de traballar en España”.
Unha vez os inmigrantes entraban no territorio, eran dados de alta a media xornada para que o pago á Seguridade Social (SS) fose menor, pero logo traballaban ata 14 horas diarias en granxas de pitos da provincia. Durante a súa actividade, os acusados negaban aos inmigrantes os medios máis básicos para desenvolver o seu traballo en condicións de hixiene e salubridade, “xa que mesmo exercían descalzos”.
“Só se lles permitía descansar un día á semana e carecían de calquera tipo de período vacacional. O diñeiro que percibían era moi inferior ao legalmente estipulado”, engade o Ministerio Público.
En maio de 2008, o Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo autorizou a entrada e rexistro dun domicilio da capital provincial onde, segundo os indicios, estaban aloxados algúns dos traballadores. Por mor disto serían detidos varios dos acusados, entre eles M.C., que permaneceu en prisión ata outubro de 2009, aínda que actualmente se atopa en paradoiro descoñecido.