O Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 de Lugo estimou un recurso de CSIF e obriga ao Concello a repetir o exame teórico e designar un novo tribunal para unha praza de promoción interna de enxeñeiro municipal de camiños que deixou deserta.
A demanda foi presentada polo candidato a unha proba de promoción interna para cubrir este posto, que foi declarada deserta ao cualificar o exame do opositor como “non apto” tras aplicarlle uns baremos de cualificación que non constaban nas bases da convocatoria.
O fallo do xulgado obriga ao Concello de Lugo a proceder a unha nova convocatoria, previa designación dun novo tribunal para obviar todo risco de rumbo valorativo nos compoñentes actuais do mesmo.
Esta sentenza, que desestima o recurso de alzada presentado polo Concello, baséase na doutrina fixada por un recente fallo do Tribunal Supremo do 28 de marzo de 2022, que establece que os criterios de cualificación dos exercicios de procesos de selección na Administración Pública deben ser previos á cualificación e deben ser publicados para o coñecemento de todos os aspirantes antes da realización dos exercicios.
Respecto diso, CSIF destaca que o demandante –que era o único que concorría á praza– demostrou como o presidente do tribunal, ao comezo da proba, fixou os criterios de corrección, tal e como reflicte a acta, nos seguintes termos: “Na corrección do exercicio valoraranse os coñecementos do tema, as referencias normativas e a expresión escrita, valorándose o exercicio de forma globlal entre 0 e 10 puntos, tal e como establecen as bases da convocatoria, aínda que se deberán desenvolver todos os epígrafes do tema”.
No entanto, segundo recolle a sentenza, nunha posterior reunión modifícanse estes criterios de baremación e decídese outorgar 4 puntos ao primeiro apartado, 2 ao segundo, 3 ao terceiro e 1 ao último punto.
E conforme a estes novos criterios, o resultado final da cualificación do opositor é de “non apto”, a pesar de que os informes periciais presentados polo demandante en vía administrativa establecen unha puntación de 7 puntos ou superior.
Nun comunicado, CSIF valora este fallo como “pioneiro”. A sentenza, con data de 22 de abril de 2022, impón as costas ao Concello de Lugo. Cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).