InicioPolíticaA Deputación de Lugo reclama á Xunta medidas para fomentar o uso...

A Deputación de Lugo reclama á Xunta medidas para fomentar o uso do galego

Denuncia que o "suposto bilingüismo harmónico" é só "unha cortina de fume" para manter "a situación de preeminencia do castelán".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo deu luz verde este martes no pleno — con votos a favor do PSdeG e do BNG e a abstención do PP — unha proposta para instar a Xunta a impulsar medidas de fomento do galego, despois de, aseguran, “recoñecer o fracaso do seu modelo lingüístico na poboación máis nova”.

Nunha nota de prensa, a institución provincial argumentou que “o propio balance do Executivo autonómico” sinala que a partir do ano 2008 se aprecia “un importante descenso do bilingüismo con predominio do galego”, que se traduce nun “aumento do uso monolingüe en castelán”.

Así mesmo, a portavoz socialista na Deputación, Pilar García Porto, valorou que nese balance a Xunta recoñece que “o suposto bilingüismo harmónico non é tal”. “É tan só unha cortina de fume para esconder unhas políticas pensadas para manter a situación de preeminencia do castelán”, subliñou.

Neste sentido, García Porto detallou que entre os indicadores máis alarmantes están os datos do Instituto Galego de Estatística, que no ano 2008 sinalaba que “un 14% do alumnado galego recibía todas as súas clases en galego”, mentres que en 2013, “apenas catro anos despois da chegada do PP á Xunta”, esa porcentaxe caeu “ata o 2,15%”. Xa no ano 2018, os datos do IGE indicaban que “só o 1% dos estudantes galegos cursan a totalidade das dúas materias en galego”. “Este é o resultado do Decreto de Plurilingüismo de Feijóo do ano 2010”, censurou.

Nesta mesma liña, denunciou que, “de maneira paralela á caída do uso do galego no ensino”, evolucionou “o investimento en fomento da lingua” que, engadiu, “caeu un 22% nos orzamentos do ano 2022”.

Así, a Deputación acordou pedirlle á Xunta que “cumpra cos contidos da Carta Europea de Linguas Minoritarias”, “que garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos” e “que se estude o impacto que ten o acceso ao teléfono móbil por parte dos nenos como factor que fai retroceder no uso do galego”.

GARANTÍAS PARA Os SERVIZOS SANITARIOS

Por outra banda, no pleno deste martes da Deputación de Lugo, tamén foi aprobada unha moción socialista que reclama á Xunta accións para garantir os servizos sanitarios na provincia “tras a deterioración da atención derivada da política de persoal da Xunta, baseada nos recortes”.

Sobre isto, a portavoz socialista expuxo a situación de “deterioración” da sanidade pública nos últimos meses, derivada da “política de persoal da Xunta baseada en recortes, no peche de servizos, en non cubrir as baixas ou as xubilacións e en impor cotas de traballo abusivas”.

Por iso, entre outras cousas, a Deputación demandou á administración autonómica que formalice “de maneira inmediata” as contratacións previstas nos cadros de persoal médico e de enfermaría da PAC, Centros de Saúde e Hospitais da provincia, que adopte unha política de persoal “racional”, que cubra as baixas por enfermidade, xubilación ou vacacións e que adopten medidas para incentivar a formación e a contratación de especialistas en pediatría.

ÚLTIMAS

O Senado insta ao Goberno a facer melloras ferroviarias en Lugo e o PSOE lémbralle que foi o PP quen parou a intermodal

O Senado instou ao Goberno central a "comprometer investimentos para a mellora de infraestruturas viarias...

Denunciado un condutor que se fixo pasar polo seu xemelgo tras ser sorprendido circulando sen carné en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo denunciaron a un condutor que circulaba sen carné...

Rexistrados pequenos movementos sísmicos en concellos de Lugo

As provincias de Pontevedra e Lugo rexistraron pequenos movementos sísmicos no últimos catro días, o último...

Investigan na provincia de Lugo unha estafa pola que se ameaza con cortar a eletricidad a pequenos negocios

A Garda Civil investiga na provincia de Lugo unha estafa na modalidade de 'vishing', pola que se...