A Deputación de Lugo enviará de forma urxente tanto axuda económica como materiais básicos de primeira necesidade ao pobo ucraíno “para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está a provocar no leste de Europa”.
Segundo explicou a Deputación, o presidente da entidade, José Tomé Roca, anunciou o envío este xoves. “Ademais de estar a plena disposición para colaborar no que faga falla coas entidades que están a coordinar a cooperación das administracións locais con Ucraína, como poden ser a FEGAMP ou o Eixo Atlántico, desde a Deputación de Lugo tamén faremos unha colaboración directa para contribuír a paliar na medida do posible o sufrimento dos ucraínos e axudar na protección e no benestar das persoas que vén obrigadas a fuxir deste terrible conflito para salvar a vida, sobre todo mulleres, nenos e persoas maiores”, subliñou José Tomei.
A institución levará a cabo as accións de cooperación a travésde unha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella.
Por unha banda, a Deputación fará unha contribución económica por importe de 10.000 eurosa través desta entidade humanitaria e nos próximos días, e tamén por medio da Cruz Vermella, achegará outros 18.000 euros para a compra de material básico de primeira necesidade que determinen as organizacións que están a traballar sobre o terreo.
Tomé púxose xa en contacto co presidente desta institución humanitaria en Lugo, Luís Abelleira, para “articular os mecanismos necesarios para coordinar as diferentes liñas de cooperación que a Deputación deseñou para colaborar ante a crise xerada pola invasión rusa de Ucraína.
O mandatario provincial tamén puxo en valor o “reforzo e apoio” que é necesario facer co voluntariado que “presta primeiros auxilios e apoio psicosocial ás persoas afectadas polo conflito, que as están asistindo na medida que a situación de seguridade o permite”.
Por último, a Deputación informou de que a Xunta de Portavoces aprobou por unanimidade unha declaración institucional de condena á agresión de Rusia contra Ucraína, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.
CRÍTICAS DO PP
Sobre este tema tamén se pronunciou o portavoz do grupo do PP, Javier Castiñeira, que lamentou que a axuda chega “tarde, como sempre, e de maneira insuficiente”.
“O luns o grupo provincial do PP rexistrou na Deputación unacarta dirixida ao seu presidente, pedindo accións con respecto á crise de Ucraína; tres días despois, hoxe, vemos que o presidente anuncia algunhas das medidas que nós puxemos enriba da mesa, entre elas a declaración institucional que pedimos e coa que, obviamente, estamos de acordo, e liñas de axuda en colaboración con ONGs”, defendeu
Os populares entenden que hai que “ser moito máis ambiciosos; as circunstancias esixen un protagonismo moito maior por parte da Deputación e non resumirse simplemente as axudas a ONGs para que logo elas as tramiten: iso está ben, pero debemos ser moito máis ambiciosos nese sentido, porque así o reclama a sociedade”.
Así, piden “coordinarse” con outras administracións para a acollida de refuxiados, e cos concellos, para a recollida de material de axuda.
CONCELLO DE LUGO
Doutra banda, o Concello de Lugo anunciou a apertura dunha oficina de información nas instalacións municipais para dar respostas á poboación solidaria e axudar a coordinar a axuda ao pobo ucraíno.
A alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que “o obxectivo é canalizar e atender todas as peticións solidarias e ofertas de colaboración que nos están chegando nestes días”.
Neste sentido, Méndez explicou que desde o Concello traballan en dúas liñas, por unha banda na coordinación con outras administracións e organismos oficiais, para facilitar a chegada de cidadáns ucraínos, así como plena capacidade de inserción no mundo laboral; e por outra banda, na coordinación da propia acción voluntaria dos cidadáns.
Así, a través desta nova oficina, “buscamos crear un punto de información, desde o que se trasladarán as necesidades concretas da poboación ucraína e as posibles vías para dar resposta ás súas demandas”, explicou a rexedora.
Paralelamente, o Concello elaborará dous rexistros: un de persoas que están en disposición de acoller refuxiados nos seus domicilios, e outro de persoas que están dispostas a axudar noutros aspectos, diferentes ao da acollida.
“Ao mesmo tempo, desde o Concello estamos a realizar contactos con outras entidades e organismos para aumentar as vías de colaboración, estudando que sectores teñen capacidade de axuda para ofrecerlles novas posibilidades de colaboración”, explicou.