InicioSucesosO xurado cre que a nai de Desirée a matou conscientemente e...

O xurado cre que a nai de Desirée a matou conscientemente e pide a prisión permanente revisable

Di que está só levemente afectada a súa capacidade polo seu trastorno psiquiátrico

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xurado popular declarou este martes por unanimidade á nai da nena Desirée Leal, Ana Sandamil, culpable do asasinato da súa filla, ocorrido en maio de 2019 na súa vivenda de Muimenta, cando a pequena contaba con só sete anos. Fíxoo en base ás probas practicadas durante as seis xornadas que durou o xuízo na Audiencia Provincial de Lugo e tras unha deliberación que durou menos de 24 horas.

Segundo recolle a acta de veredicto, á que se deu lectura nun acto coas partes e a acusada, o xurado considera probado por unanimidade que, a madrugada do 3 de maio, a procesada, que durmía na mesma cama que a menor, lle administrou un líquido con trazodona disolta –un sedante– e, coa finalidade de acabar coa súa vida, que a asfixiou coas súas mans, “exercendo presión no seu pescozo” e obstruíndo tamén as vías respiratorias ben co seu corpo ou ben cun obxecto, como un coxín.

Tamén considera probado o xurado por unanimidade que a nena, no transcurso do ataque, “chegou a espertar” e tratou de defenderse “sen posibilidades de éxito”, morrendo finalmente por asfixia mecánica, segundo recolle o informe de autopsia. O xurado tamén cre por unanimidade que a acusada dixo á súa nai, ao espertala o día dos feitos, que a nena morrera e que Ana Sandamil inxeriu despois unhas pastillas de trazodona “sabendo que a inxesta non produciría a súa morte”, un feito probado que, no entanto, creou máis controversia no xurado, dado que dous do sete membros votaron en contra.

Segundo recolle a acta, dáse por probado por unanimidade que o 26 de abril, pouco antes do crime, Ana Sandamil “indagou por Internet medios cos que podía acabar coa vida da súa filla”, como a estricnina –un veleno–; e que era “coñecedora da intención do pai de modificar o acordo de custodia” para pasar máis tempo con Desirée. Neste punto, a maioría do xurados –oito a favor e só un en contra– consideran que este cambio na custodia foi “a razón máis importante” para a execución do crime.

AFECTACIÓN MENTAL

En canto a un dos puntos craves na defensa da acusada, a posibilidade de que estivese afectada por un grave trastorno psiquiátrico, o xurado considerou probado que a afectación que sufría era, en todo caso, leve. En concreto, oito xurados votaron a favor de que o trastorno psiquiátrico que a muller ten diagnosticado afectou “non de forma importante” á súa capacidade de comprender o feito ou á súa posibilidade de autocontrol e rexeitaron por unanimidade que este trastorno psicótico anulase por completo ou afectase gravemente ás súas capacidades mentais.

Entre os feitos non probados polo xurado figura tamén que a acusada ten un trastorno de personalidade que non afectaba á súa capacidade, pero que se diminuía a posibilidade de comprender a ilicitude do feito, contra o que votaron oito xurados e un a favor.

FEITOS NON PROBADOS

A acta do xurado recolle que rexeitaron por unanimidade a posibilidade de que Desirée Leal morrese pola inxestión de trazodona, sen intervención da nai. Ademais, rexeitan, por cinco votos en contra e catro a favor, que a acusada idease previamente unha coartada que, posteriormente, contou a sanitarios e policías, alegando que a menor podía beber dunha auga con sedante que ela tiña preparada con anterioridade coa intención de suicidarse.

Por todo iso, cre por unanimidade a Ana Sandamil culpable do asasinato da súa filla, e maniféstanse en contra da posibilidade de que se beneficie dun indulto ou da posibilidade de suspender a pena privativa de liberdade.

PRISIÓN PERMANENTE REVISABLE

Ana Sandamil enfróntase por estes feitos a unha posible condena a prisión permanente revisable, segundo piden tanto Fiscalía como a acusación particular, que exerce o pai da nena, e a popular, da Fundación Amigos de Galicia. Así mesmo, Fiscalía e acusación popular solicitan unha indemnización de 300.000 para o pai da pequena, mentres que a particular pide 120.000 euros. Ao concluír a sesión deste martes, as partes ratificáronse nas peticións. Agora, unha vez emitido o veredicto, será o tribunal o encargado de ditar sentenza.

FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA

A Fundación Amigos de Galicia, que actuou como acusación popular no xuízo polo asasinato de Desirée Leal, mostrouse este martes “satisfeita” polo veredicto de culpabilidade ao que chegou o xurado popular, aínda que destacou que “feita de menos” que a acusada, a nai da menor, pedise “perdón” polo ocorrido.

O veredicto dependía das catro alternativas presentadas relativas ao grao de alteración mental da acusada, se tiña susfacultades metais anuladas, afectación grave, afectación muyimportante ou afectación leve”, apunta a fundación. Finalmente, o xurado popular concluíu que tiña as facultades parcialmente afectadas, pero non de forma importante.

Con esta decisión, sinalan, “todo indica que a sentenza será de prisión permanente revisable”, aínda que esta decisión deberá tomala agora a maxistrada presidenta do tribunal, lembrou o letrado da entidade, José Lago Calvo.

A entidade considera que a acusada e a súa familia “dirixiron todas as súas accións para o seu defensa”, pero botan de menos “un perdón polo ocorrido á pequena, que á fin e ao cabo é a maior prexudicada e a única que non pode defenderse pola pena eterna á que a súa nai a condenou”.

En canto á súa actuación, a Fundación Amigos de Galicia asegurou que é o seu “labor e a da sociedade” implicarse “na defensa da infancia para que casos como estes non continúen ocorrendo”. “Este é o único motivo que nos move para estar nesta e outras tantas causas onde os dereitos da infancia ven desprotexidos”, destacaron nun comunicado.

ÚLTIMAS

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...

A montaña de Lugo amence con neve e temperaturas inferiores a -2

Comarcas do leste galego, nas provincias de Ourense e Lugo, anotaron nas últimas horas...

Alertan en Lugo do risco de caída dun menor subido nunha cadeira a un balcón para “contar coches”

Axentes da Policía Local de Lugo desprazáronse, na mañá do pasado martes, a unha vivenda tras...

OPINIÓN: As mulleres traballadoras poderán ampliar o seu permiso de maternidade se encabezan unha familia monoparental

Por nacemento e coidado do menor (o que antes viña sendo o “permiso de...