O número de casos activos de Covid-19 en Galicia volve descender e sitúase en 60.720, aínda que os novos contaxios detectados repuntaron nas últimas horas por encima dos 4.500, segundo os datos publicados este martes pola Consellería de Sanidade (con información recollida ata as 18,00 horas do luns).
Así, nas últimas 24 horas detectáronse en Galicia 4.577 contaxiados novos, máis de 300 por encima dos detectados a xornada anterior, e subiron en todas as áreas sanitarias, excepto A Coruña e Ferrol, onde se detectaron 948 e 212 novos casos respectivamente. Na área sanitaria de Vigo os novos contaxios continúan por encima do milleiro, con 1.111 casos novos; na área de Santiago hai 790 contaxiados máis; na área de Ourense hai 528 contaxiados novos; na área de Pontevedra son 510 novos contaxios; e na área de Lugo confirmáronse 478 contaxios novos.
Descontados falecementos e altas, o total de casos activos de Covid en Galicia ascende a 60.720, o que supón 2.147 casos menos que os notificados hai un día. Ademais, o cómputo global de infeccións activas descendeu en todas as áreas sanitarias galegas. A área de Vigo continúa como a de maior incidencia, con 15.661 casos activos (709 menos); na área da Coruña hai 13.323 casos (527 menos); na área de Santiago hai 9.703 casos activos (284 menos); na área de Pontevedra reducíronse en 197, ata os 6.785 casos. Pola súa banda, na área de Lugo baixaron a 6.205 casos (189 menos); na de Ourense hai 6.129 casos (142 menos); e na área de Ferrol o número de casos activos de Covid é de 2.914 (99 menos).
PRESIÓN HOSPITALARIA
Con respecto á presión hospitalaria, esta volveu medrar no que se refire a ingresos en planta. Así, mentres que se reduciu en 3 persoas o número de enfermos en Unidades de Coidados Intensivos (ata un total de 41), hai 663 persoas en camas convencionais (21 máis).
O maior número de pacientes graves segue estando nas áreas da Coruña e Vigo, con 11 (dous menos) e 9 (sen cambios) enfermos en coidados críticos respectivamente. Na área sanitaria de Lugo hai 6 pacientes en UCI, un menos; na área de Santiago hai 5 enfermos con Covid graves, un máis; os mesmos que na área de Pontevedra (onde non houbo cambios na cifra).
Finalmente, na área sanitaria de Ourense hai 3 pacientes en UCI (un menos) e na área de Ferrol son 2 (sen cambios) os enfermos en coidados críticos. Mentres, os pacientes en camas convencionais soben en todas as áreas, excepto en Lugo (onde baixa un) e en Santiago (onde non hai cambios).
FALECIDOS, CURADOS E PROBAS DIAGNÓSTICAS
Desde o inicio da pandemia, superaron o Covid en Galicia 360.814 persoas, das que 6.717 recibiron o alta nas últimas horas. Por contra, faleceron co virus 2.939 persoas, das cales, o Sergas notificou 7 na última xornada (correspondentes a varios días), a falta de concretar idades e áreas sanitarias.
Por outra banda, realizáronse ata agora máis de 3,5 millóns de probas PCR (4.639 nas últimas 24 horas); máis de 1,4 millóns de test de antígenos (6.592 na última xornada); e máis de 1,4 millóns doutros tipos de probas. Segundo informou Sanidade, o índice de positividade das probas PCR sitúase no 17 %, doce puntos por encima do limiar do 5 % que a OMS fixa para dar por controlada a pandemia.