InicioLugo e contornaLugoLugo acollerá unhas xornadas sobre os avances e retos da agricultura sostible

Lugo acollerá unhas xornadas sobre os avances e retos da agricultura sostible

Están organizadas pola USC e desenvolverase do 18 ao 22 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

PUBLICADA O

Por unha vez, o debate público e da esfera política estatal está no agro, aínda que sexa pola polémica xurdida arredor das macrogranxas, unha temática da que Galicia Confidencial xa informou meses atrás. Neste contexto, a agricultura senta o outro piar da produción económica vencellada ao agro, unha cuestión que permanece, polo momento, allea ao debate no Congreso dos Deputados, pero non na USC.
A Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que acollerá unhas xornadas orientadas a discutir sobre o uso eficiente dos recursos agrícolas. O proxecto será desenvolto de forma conxunta coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH) e estará aberto á participación de investigadores nos ámbitos da fertilización, substratos, amorodos e froitos vermellos, temáticas nas que a comunidade científica someterá a debate algunhas das claves para avanzar cara a sustentabilidade agraria e a produción de cultivos seguros, tanto para os consumidores como para os traballadores e mesmo para o medio ambiente.
O obxectivo será pois tratar a optimización das técnicas de produción, o control e a mellora da calidade dos cultivos, as boas prácticas agrícolas e a prevención de pragas e enfermidades. Este foro, promovido por un comité organizador que preside a profesora da USC Elvira López Mosquera, desenvolverase do 18 ao 22 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
Segundo apuntan dende a Universidade, as temáticas propostas para análise e debate nas distintas palestras son amplas e, no eido da fertilización, abranguen “desde avances na elaboración de plans de abonado, novos produtos, compoñentes e aditivos, emprego de estercos e subprodutos orgánicos, á fertilización eficiente e de precisión ou fertirrigación”. A estes eixos únenselles os novos materiais e métodos de procesado de substratos, a súa caracterización analítica e de compoñentes, a automatización da xestión da auga ou o control das pragas e enfermidades, por exemplo.
A institución compostelá detalla que as persoas interesadas en participar nesta xornada científica  –un foro que tamén está aberto ao estudantado universitario– pode formalizar xa a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico sechlugo2022@sech.info, ao que cómpre remitir unha vez cumprimentado o formulario xa accesibles na web da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas. O prazo de presentación de comunicacións científicas, que poden ser en formato póster ou orais permanece aberto ata o 14 de febreiro no mesmo enderezo de correo electrónico.

ÚLTIMAS

Un informe de Adega revela os datos reais de emisións e verteduras que Altri pretende ocultar

Un informe de Adega sinala que Altri oculta emisións no seu estudo de impacto ambiental e...

A Deputación presenta un plan invernal para estradas con 420 toneladas de sal e 112 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores en Pedrafita...

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...