Sobre un centenar de traballadores da Consellería de Medio Rural concentrouse ante a Delegación da Xunta en Lugo este mércores para protestar contra a alta “precariedade” e “inseguridade xurídica” que denuncian que padecen os traballadores do servizo de extinción de incendios.
O presidente do comité de empresa en Lugo, Carlos Hermida de Comisións Obreiras, explicou que o obxectivo “desta concentración é reivindicar ante a Xunta de Galicia un cambio de modelo no sistema de contratacións”. “O modelo de contratacións que temos a día de hoxe é un sistema de acordeón, con persoal fixo que rolda o 40 por cento, e persoal fixo descontinuo de seis a nove meses. É evidente e así o vimos denunciando ante a Xunta é o cambio de modelo que se produciu en Galicia con respecto aos incendios e que é un feito”, subliñou.
Hermida lembrou a “macro incendio que tivo lugar en Ribas de Sil, que arrasou máis de 1.700 hectáreas, son lumes de sexta xeración que orixinan un microclima que fai moi difícil a extinción dos incendios e pon en risco a vida de moitos traballadores e traballadoras do servizo de incendios, co que este sistema está obsoleto e é necesario un cambio”.
“E ademais non só pódese basear o servizo na extinción, senón tamén na prevención que hai que facela fóra de tempadas de máximo risco. Antes producíanse moitos incendios, moitos pequenos e algún grande e agora todos os incendios que se producen van ser estes lumes de sexta xeración que fai necesario que o persoal traballe durante doce meses ao ano, e non que haxa persoal en precario de seis meses e persoal de nove meses”, lamentou.
PRAZAS VACANTES
Tamén se demanda á Consellería de Medio Rural que “se cubran as vacantes, xa que neste momento hai unha chea de prazas vacantes que están sen cubrir e que se consoliden os postos de traballo xa que nestes momentos estamos en torno ao 60 por cento de prazas de persoal laboral temporal”.
Así mesmo, Carlos Hermida, acreditou que “este ano non está a ser moi prexudicial, con respecto aos incendios”. “Pero o problema que temos agora é que baixan os incendios, pero hainos que queiman moitas hectáreas”, avisou. “Os famosos lumes de sexta xeración fan que estes incendios sexan unha bomba e que sexan peligrosísimos para o persoal que traballamos na extinción”, alertou o presidente do comité de empresa de Medio Rural en Lugo.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.