InicioLugo e contornaLugoO dereito á vivenda dos anciáns, unha problemática invisible a debate en...

O dereito á vivenda dos anciáns, unha problemática invisible a debate en Lugo

O Movemento polo Dereito á Vivenda arrinca a súa andaina cunhas xornadas de divulgación na sede da Deputación de Lugo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ollando cara Estados Unidos e a Unión Europea faise evidente que a pandemia, cando menos sobre o papel, podería traer un cambio no tocante ao papel das administracións públicas á hora de garantir os dereitos sociais dos seus cidadáns. A crise da covid puxo á vista moitas das dificultades materiais sufridas polo conxunto da poboación dos países occidentais, entre elas a vivenda.

A cuestión da habitabilidade xera unha polémica que vén de lonxe no Estado español, Galicia e, en particular, Lugo; unha das cidades con máis vivenda baleira en todo o territorio estatal e na que, polos meses do pasado verán, golpeou con especial forza a cuestión das tan cuestionadas ‘brigadas de desokupación’.

A problemática, lonxe de quedar nunha serpe de verán, semella ter futuro de contar cunha mobilización social á altura do problema formulado. Cando menos esa é a visión que se destila da plataforma Movemento polo Dereito á Vivenda, que vén de se constituír en Galicia cun obxectivo claro e que, ata o momento, non estaba na primeira fila do debate público: como afecta o problema ás persoas maiores.

A SEGURIDADE NAS RESIDENCIAS

Case sempre que se analiza a cuestión da habitabilidade, o suxeito tratado adoitan ser os mozos; que, vítimas dunha das maiores taxas de desemprego xuvenil, non sempre poden acceder aos alugueiros das principais cidades. Porén, o Movemento polo Dereito á Vivenda fai tamén fincapé nas xeracións maiores, que, subliñan, tamén “teñen o dereito de goce a unha vivenda, a un fogar adecuado ás súas características”.

“O problema das alternativas residenciais vén de lonxe”, apuntan antes de recoñecer que “coa situación de pandemia fíxose evidente que estas non garanten o benestar das persoas e moito menos a seguridade”, subliñan en alusión ás mortes rexistradas nos centros xestionados por diversos grupos privados na comunidade galega.

“Cremos que é o momento de falar e debater como queremos ser coidadas, motivo polo que desexamos crear canles de comunicación e información dentro das nosas modestas posibilidades”, subliñan. Por iso veñen de lanzar unha serie de xornadas que terán lugar o día 10 de xuño no salón de actos da Deputación de Lugo e na que diversos expertos e persoas con contacto directo coa problemática darán a súa visión acerca dun conflito que, con accións como esta, podería comezar a gañar visibilidade.

+ posts

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo denuncia “intentos de danar a imaxe” do Arde Lucus

O Goberno local quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade e confianza á cidadanía e...

Pontón augura que o BNG “fará historia” en Lugo con Arroxo de alcalde

A portavoz nacional do Bloque presenta o candidato para as municipais de 2027 e presume de dar "estabilidade e rigor" á cidade amurallada.

Deteñen dous homes por roubo de cable na Rolda da Muralla

  Segundo informa a Policía Local nun comunicado, un cidadán alertou ao 092 de que...

Vilalba Aberta solicita conveniar coa Xunta un centro de día como en Outeiro de Rei

Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa ao respecto do anhelado Centro de Día. A...