Martiño Cabana (Lugo, 1981) vive entre dous mundos, entre o rural lucense e Parga. É coñecido por guiar os roteiros da natureza enfocados cara a fauna e a flora, a biodiversidade do centro da provincia. Biólogo especializado no estudo de réptiles, anfibios e libélulas, adica parte do seu tempo a mostrar o que a simple vista un non pode apreciar, os usos tradicionais das plantas, os comportamentos característicos de certas especies.
Como foi o primeiro contacto co mundo das andainas pola natureza?
Ademais de ser biólogo, son maquetador. Encargueime do deseño e a publicación do libro de Terras de Auga e Cultura, sobre a biodiversidade e a cultura da contorna de Lugo, Outeiro de Rei, Rábade, e O Corgo. Eses catro concellos entraron nun proxecto que se levou a cabo hai uns anos, dese proxecto xurdiu o libro; e despois comezouse a traballar e planificar estes roteiros, cando empecei a levar a parte de natureza.
Máis que roteiros, fago saídas ao campo –por Lugo e por outras zonas de Galicia–, sobre todo traballando con anfibios e réptiles, e con libélulas, con diferentes especies deses dous grupos.
Cales son os espazos máis salientables arredor de Lugo?
O principal recurso a nivel natureza son os ríos e o bosque da ribeira. En Lugo están sorprendentemente ben conservados, non só o Miño, tamén o Mera ou outros máis separados de Lugo, como o Ladra, o Támoga, o Parga. Os ríos son a zona do centro da provincia que albergan unha mellor mostra de biodiversidade.
As zonas más exteriores, agrícolas, están máis alteradas, e os bosques, fóra dos ambientes da ribeira, son cada vez máis escasos. Cada vez hai plantacións de piñeiros e eucaliptos onde antes había fragas. Pero nas ribeiras, séguese a conservar unha representación de bosque de ribeira espectacular nalgunhas zonas.
No río Ladra, en Begonte, en Outeiro, hai bosque aluvial dun interés moi importante a nivel ibérico, un dos bosques de aluviais más importantes. Parece que leva aí moito tempo e non lle prestamos atención, pero noutras zonas este tipo de bosques se converteron en choperas ou zonas de cultivo. E aquí no centro de Lugo temos unha representación de bosque de ribeira moi interesante no suroeste de Europa.
Como afecta a substitución nos bosques á biodiversidade?
Hai dous cambios. Primeiramente, hai un abandono. Antes, practicamente toda a superficie estaba cultivada, e agora hai moitas zonas que non. Dentro dese abandono, hai zonas que melloraron, zonas de bosque de ribeira que antes se cortaban, e que foron aumentando.
E hai a parte negativa, outras que foron a peor, moitas zonas que antes estaban a cultivos e tiñan un interés porque acubillaban unha biodiversidade determinada; e que agora están plantadas con especies alóctonas, coma eucaliptos e piñeiros, especies que está demostrado que teñen menor biodiversidade.
Outra problemática é a intensificación do agro. As zonas que siguen sendo agrícolas pasaron dunha agricultura máis lixeira, con menor emprego de pesticidas, agroquímicos e abonos sintéticos, e que se intensifican ou producen millo. Estes hábitats agrarios de prados de seda, ou prados con flor que eran habituais e que non se ven xa.
Parece unha parvada, pero as flores son imprescindibles para os polinizadores, para as abellas e moitas especies de bolboretas e outros tipos de insectos, que son a base alimenticia dun conxunto enorme de especies, mamíferos, aves, que se alimentan destes insectos. A intensificación da agricultura fixo que os prados con flor sexan cada vez máis escasos, cada vez hai menos insectos, e menos comida para os animais de maior tamaño.
É unha alteración dun hábitat que produce que as especies vaian diminuíndo, un cambio grave que en zonas de agricultura pouco extendida, coma o centro de Lugo, é unha problemática bastante importante. Pero o gran problema fundamental a nivel de hábitats da zona é o cambio e a instalación de plantacións forestais.
A meirandes da plantación foránea e a agricultura intensiva, hai problemas de contaminación específicos nesta zona?
Hai dúas problemáticas a nivel contaminación. En xeral non son grandes problemas de contaminación como hai noutras zonas, pero si que temos problemas con contaminación a través do saneamento urbano. A dispersión poboacional é un problema para a depuración de augas, hai unha serie de verquidos de residuos de vivendas. E a outra problemática vén da zona norte, da zona de Cospeito, pola utilización de puríns.
Pero no contexto de España, somos unha zona que por sorte ten pouca contaminación. As rías son máis problemáticas, pero nesta zona os problemas son menores. Temos un desenvolvemento gandeiro bastante potente na zona norte, Cospeito, Castro de Rei, que comportan a utilización de puríns que rematan nos ríos. E despois, a dispersión poboacional produce episodios de contaminación.
A nivel de industria, temos menos problemas porque o desenvolvemento da comarca é lixeiro. Si que se traballou bastante en dotar aos polígonos industriais de sistemas de saneamento.
Como podería a cidade de Lugo respectar esta riqueza ambiental sen renunciar á esencia urbana, agora que quere abrirse ao río?
Como cidadán, o papel fundamental é demandar –todos temos esa capacidade de esixir aos gobernantes– que se manteñan os arredores, os parques periurbanos, tanto do río Miño coma do río Rato. Son espazos naturais de grande interese que se melloraron nos últimos anos, pero que hai marxe de manobra para melloralos máis. Debemos incitar a que se leven a cabo as medidas necesarias.
A nivel invidual, hai que ser respectuoso co medio ambiente nestes parques periurbanos e en zonas naturais. É habitual ver lixo, non ten lóxica que un parque poida ter lixo. Un papel pode escapar, pero o resto é deixadez. Na vida diaria hai que ser responsables e facer que os nosos representantes cumpran co seu papel.