InicioSociedadeLiñares nega subornos, pero os empresarios confirman pagos de ata 25.000 euros...

Liñares nega subornos, pero os empresarios confirman pagos de ata 25.000 euros polas concesións

Nesta primeira xornada do xuízo, o exedil do Concello de Lugo e expresidente da Confederación Hidrográfica amosou "sospeitas" de que "podería haber convenios" entre os propios empresarios adxudicatarios.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O exedil socialista do Concello de Lugo e expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Liñares, negou recibir entregas de diñeiro de 15.000 ou ata 25.000 euros por parte de empresarios que obtiveron concesións do ente público entre os anos 2009 e 2012. Porén, oitos deses nove empresarios -tamén xulgados- corroboraron o pago desas contías.

A Sala Segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a primeira sesión dunha das pezas separadas da ‘Operación Pokemon’, unha macrocausa xudicial que arrincou este martes e ten previsto desenvolverse durante toda a semana. A vista continúa este mércores con declaracións de testemuñas.

Os feitos que se xulgan están centrados nas actividades de Liñares á fronte da Confederación Hidrográfica. Tanto para el como para o resto de acusados, o Ministerio público pide cinco anos de prisión por suborno, xunto con inhabilitación de seis anos para contratar coa administración e para obter axudas públicas ou subvencións. Ademais, por delito de prevaricación, a Fiscalía solicita no seu escrito de acusación dez anos de inhabilitación para ocupar un cargo público.

O xuízo arrincou coas cuestións previas e, tras un receso, quedaron anuladas as actuacións posteriores ao 23 de setembro de 2012, tras o ingreso en prisión de Francisco Liñares, ao entenderse que se excedera o tempo máximo de detención.

Na súa declaración, Fernández Liñares mostrouse rotundo. Cando foi preguntado acerca de se recibía entregas de diñeiro a cambio de adxudicacións, chantou: “absolutamente non”. Ademais, asegurou que no seu despacho “nunca había un expediente” nin “custodiou ningún documento” das adxudicacións, que eran levadas a cabo polo servizo de contratación (en caso de contratos menores) ou as mesas de contratación, en cuxa composición estaban o avogado do Estado e o interventor de Facenda, segundo indicou.

“NON TEÑO NIN CORREO NIN WHATSAPP”

Liñares, en resposta ao seu avogado, remarcou que el “non ten nin correo electrónico nin Whatsapp”, en referencia ás declaracións dos acusados que afirmaron que recibiron invitacións directas a participar en adxudicacións.

Así, considerou que “non lle estraña nada que as empresas tivesen acordos previos”, aínda que afirmou que o “descoñecía”. “Puidérase darse o caso”, dixo, alegando a que ás contratacións había que darlles publicidade e que “se cadra era mellor que non tivesen” coñecemento dos contratos, ao que obriga a lei de contratación. “Sospeito que podería haber certos convenios entre eles”, afirmou.

Só un dos empresarios procesados rexeitou facer entrega de contías a Liñares e negou tamén calquera contacto previo que lle puidese beneficiar á hora de conseguir adxudicacións. Precisamente, o avogado deste acusado foi o que pediu, nas cuestións previas, a nulidade do proceso por non contar coa documentación de Fiscalía completa, algo que foi rexeitado pola sala do tribunal ao sinalar que se houbese boa fe nesta advertencia teríase feito con anterioridade a ese momento procesual.

ENTREGAS DE DIÑEIRO

O resto dos acusados repetiron un patrón de respostas á Fiscalía, que tamén seguiu un esquema de preguntas practicamente igual -salvo algunhas especificidades que afectaban a algúns deles-. Desta maneira, aseguraron que eran convidados ás adxudicacións de forma previa, que nalgúns casos encargáronse de buscar ás empresas competidoras e que tiñan relación ou trato persoal co propio Liñares, xa fora de antes ou por ser unha persoa pública naquel momento.

Ademais, de forma xeral, declararon que recibían esas invitacións ou ben vía correo electrónico ou por carta. Algúns dixeron que pactaban contías con Liñares que logo abonaban despois da contratación conseguida coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Ademais, precisaron que entregaban o diñeiro “en sobres” persoalmente, aínda que un deles asegurou que o fixo a través doutra persoa.

Preguntados polos motivos polos que facían entrega destas contías, un dos empresarios dixo que tiña que ver cunha petición expresa de Liñares “para un amigo” que o necesitaba; outros explicaron que eran porque o propio presidente “necesitaba” o diñeiro. Como terceiro argumento, falouse dun acordo entre ambas as partes relacionado co acceso á concesión das obras. “Primeiro… porque falando xuntos, tiña moitos gastos. E, bueno, a política e tal, pois douche algo”, manifestou a última testemuña.

CONDUTOR E DECLARACIÓN POR “PRESIÓNS”

Por outra banda, o principal acusado aclarou tamén a cuestión do chofer. A Fiscalía acusa a Liñares de que o condutor contratado fixo “desprazamentos persoais” do acusado, “ata o punto de que en Semana Santa de 2011 ordenou transportar ata Lleida unha partida de angulas como obsequio a un alto cargo do ministerio“. No xuízo, Liñares dixo que os desprazamentos eran de carácter oficial e que se facía cargo dos gastos de dietas e outros a empresa P. a través da cal se contrataran os servizos.

Na súa comparecencia ante a sala segunda, Liñares aproveitou o pé das preguntas do seu avogado, que nalgunha ocasión pediulle que se cinguise ao que lle estaba preguntando e fose máis conciso, para dicir que el asinou a declaración de Santa Comba por “presións” e porque o “ameazaron”. Pensaba que lle “ían a tirar a casa da ponte”, dixo. “Eu crinmo”, afirmou o acusado, que engadiu que se sentiu “coaccionado” durante “catro días” -desde a súa detención o 20 de setembro de 2012-.

Este pensamento, argumentou, veu dado a que escoitou dicir que estaba “o cerralleiro” e “a máquina”. Así mesmo, asegura que efectivamente chegou a ver o cerralleiro. Tamén lamentou que lle “rebentasen” unha caixa forte que comprara nun anticuario e que “nunca” gardara nada e iso, engadiu, a pesar de que asegurou que coñecía a clave de apertura. Así pois, Liñares tacha de “violencia extrema” a actitude das actuacións.

EUCALIPTOS

Sobre as plantacións de eucaliptos nas súas leiras -singularmente en Monterroso e Castroverde-, sinalou que ou ben pagou facturas ou que o valor da madeira que entregaba tiña un valor equivalente.

Liñares, que afirmou que non recoñecía a súa letra entre a documentación con anotacións que figura no sumario, polo menos na inmensa maioría, e que foi requisada nos rexistros do seu tres propiedades, tamén reprobou que a súa muller non fose avisada da súa detención e que non lle deixasen comunicarse con ela mentres durou o rexistro do domicilio.

ÚLTIMAS

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

A nave calcinada de Mazoi “non tiña licenza de actividade” nin a solicitou segundo o Concello de Lugo

A nave de reciclaxe da parroquia de Mazoi, alugada pola empresa Contemar, que resultou...