A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla quéixase da “supresión dos emprazamentos habituais dos puntos móbiles” para realizar a ITV agrícola. Pídenlle aos Concellos e á empresa concesionaria, Supervisión y Control SAU, que busquen solucións para evitar que os afectados se teñan que desprazar nos seus vehículos agrícolas ata lugares afastados.
Segundo explica Agromuralla, a entidade encargada da realización da ITV agrícola alega que as dimensións do novo camión que transporta a unidade móbil de inspección son maiores ca as do anterior. Precisaría, logo, unha superficie plana de maior tamaño (20×40 metros) para instalarse, polo que moitos dos emprazamentos utilizados ata o de agora xa non son válidos.
“en moitos casos teñen que percorrer distancias de máis de dez quilómetros cos seus tractores”
A entidade que preside Roberto López indica que estes condicionantes provocaron que no concello de Láncara se suprimise un dos puntos nos que todos os anos se podía pasar a ITV. Trátase, en concreto, do punto da Reboleira. Como consecuencia, os gandeiros desa zona vense obrigados a moverse coa súa maquinaria ata outro dos puntos establecidos no municipio, de modo que en moitos casos teñen que percorrer distancias de máis de dez quilómetros cos seus tractores ou apeiros agrícolas.
OS MAIORES DESISTEN DE PASAR A ITV POLAS DISTANCIAS
Agromuralla explica que esta situación se repite en máis concellos da provincia e da comunidade, así que pide aos Concellos e á empresa concesionaria da ITV que atopen “ubicacións axeitadas que faciliten as inspeccións aos veciños e veciñas”.
“Achegar o servizo da ITV aos usuarios é fundamental para garantir que a totalidade de parque de tractores e demais maquinaria agrícola estea ao día en canto á obriga de efectuar as correspondentes revisións”, insisten. En caso contrario (é dicir, se se reduce o número puntos de inspección) é habitual que “sobre todo persoas maiores, xa xubiladas da actividade agraria, desistan de seguir pasando a ITV”.
“O mantemento óptimo dos equipos é fundamental para evitar accidentes”
143 MORTOS POR ACCIDENTE DE TRACTOR DENDE O 2011
Para Agromuralla, isto ten unha relación directa coa cuestión da sinistralidade agraria. “É un risco engadido” a unha problemática xa de por si demasiado frecuente. “O mantemento óptimo dos equipos e a actualización dos sistemas de seguridade é un aspecto fundamental para evitar accidentes”, lembra Roberto López.
E é que Galicia é unha das comunidades que rexistra un maior número de sinistros agrícola. Segundo os datos do 112, un total de 143 persoas perderon a vida en accidentes de tractor desde o ano 2011 ata agosto de 2019. Esta cifra equivale a un promedio de entre 15 e 20 mortos por ano.
LUGO, UNHA DAS PROVINCIAS CON MÁIS TRACTORES
Galicia contabiliza un total de 140.000 tractores, segundo os datos do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), dependente do Ministerio de Agricultura. Lugo e A Coruña son as provincias con maior número de vehículos agrícolas, seguida por Pontevedra e Ourense.
Porcentualmente a nosa comunidade é unha das que ten maior número de tractores de toda España, xa que os vehículos de uso agrícola matriculados en Galicia representan o 15% de todos os existentes no Estado, moi por enriba do peso poboacional e territorial da nosa comunidade.