Foi un domingo moi romano: lecer, sangue e deuses polo medio. Baixaron as pulsacións do Arde Lucus e as temperaturas convidan a serpentear polas sombras do casco histórico. Mentres os romanos da Cohors III honran a Constantino I, quen entregou as murallas ás autoridades da cidade, os castrexos de Trebas Galaicas inmortalizan o seu paso por este mundo na pedra. Os colexios saen en desfile. É coma se Lugo estivese xa acostumada a vivir en tempos do Imperio.
Hai quen improvisa concertos durante a comida, por se decae a algueirada. Os familiares visitan ás tropas nos campamentos, lugares de demostracións e formación co arsenal militar. A producción de espadas, escudos e armaduras semella non ter fin. Material bélico aparte, é salientable a actividade nos teares e as prácticas tipográficas sobre diferentes tipos de soportes. Fronte ao sol implacable, os lucenses procuran as zonas verdes, entretidos co teatro na rúa e o paso intermitente das patrullas.
Para sondear a opinión pública, nada mellor que achegarse polo Senado, sito nunha ubicación estratéxica. É na trastenda do magno edificio onde sucede a política, onde comparten cervexa e cousas máis fortes para levar a calor. Lamentan os problemas sufridos na representación do día anterior, e tamén a falta dalgún compañeiro. Secasí, son os que mellor o pasan durante o Arde Lucus.
Se o sábado foi o día do circo, o domingo foi todo para o anfiteatro. Os italianos da Ars Dimicandi desmontan en apenas minutos medio século de cinematografía estadounidense. A indumentaria dos gladiadores deixa ver feridas pasadas e fai imaxinar novos cortes na pel espida. Con entrega e considerable violencia espertaron os instintos máis básicos na plebe, aínda que finalmente o público amosou benevolencia e repartiu indultos entre os derrotados.
Sen importar os agoiros das Asamblearias, as cohortes romanas saíron ao encontro dos clans castrexos. A expectación era alta por mor dos sucesos da edición anterior. Con todo, a intervención das familias e mailas autoridades relixiosas conseguiu evitar a batalla, un final feliz para os cativos, que puideron compartir escenario cos lexionarios e as tribos alí presentes. Máis dun observador marchou decepcionado logo de presenciar tanta potencia militar desaproveitada.
Xa de regreso a través da Castra podíase albiscar un chisco de tristura nas facianas de quenes levaban tres días desfilando. Parte do forte estaba xa desmontado e os pertrechos ficaban apilados. Chegados á Praza Maior, os pretorianos gardaban o templo das Vestais con celo e melancolía. A cerimonia de clausura preservou no lume sagrado o espírito do festexo. A Guardia Pretoriana marchou con paso firme e os senadores intercambiaron apertas.
Os muros quedaron orfos de música e espectáculos vociferantes. Así e todo, teño na cabeza o que me dixo un benquerido senador: o mellor do Arde Lucus é preparar a festa do ano que vén.