InicioSociedadeOs transportistas din que é "habitual" que inmigrantes tenten cruzar en camión...

Os transportistas din que é “habitual” que inmigrantes tenten cruzar en camión ao Reino Unido

O vicepresidente de Tradime precisou que este tipo de situacións causan problemas aos condutores, que moitas veces pasan a noite no calabozo ata demostrar que non teñen nada que ver coa trasfega ilegal de inmigrantes.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O vicepresidente de Tradime -a asociación de transportistas maioritaria na provincia de Lugo-, José Fernández, recoñeceu que o que lle sucedeu a semana pasada ao condutor dunha empresa lucense, que se atopou con once inmigrantes na caixa do camión co que transportaba carne para o Reino Unido, é xa “algo habitual” que vén “sucedendo desde hai anos”.

Precisou que este tipo de situacións lles causan moitos problemas aos condutores e ás empresas, porque teñen que acreditar que non teñen nada que ver no tránsito ilegal de persoas cando as autoridades descobren a eses inmigrantes a bordo dos seus camións.

Hai que ter en conta, subliñou, que en moitos destes casos “o condutor pasa a noite no calabozo”, ata que pode demostrar que non está implicado na “trasfega” ilegal de persoas. “Non só lles pasa aos camións españois. Pásalles a todos. Todos os camións que queren cruzar ao Reino Unido teñen este problema”, explicou o vicepresidente de Tradime.

“Non é algo de agora. Estánnolo vendendo coma se fose unha novidade, pero isto xa leva moitos anos ocorrendo”, dixo Fernández, quen lembrou que nesa zona “hai campamentos de inmigrantes” que esperan a súa oportunidade para cruzar ao Reino Unido.

De feito, precisou José Fernández, “hai un campamento de inmigrantes na zona de Calais, onde está o Eurotúnel, e alí póñense diante dos camións para paralos e para que a xente suba neles”.

En canto ao último caso coñecido, o dun condutor de Lugo que se atopou con once inmigrantes na caixa do camión que conducía en ruta cara ao Reino Unido, sucedeu na zona de Caen, en Francia, explicou Fernández, preto do porto onde embarcan os vehículos pesados con destino ao porto de Dover.

+ posts

ÚLTIMAS

As XXXVII Xornadas Luis Asorey analizarán os potenciais terapéuticos dos recursos naturais

  O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19...

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

O Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a recreación histórica da festa á feira INTUR de Valladolid

Concello de Lugo levará o Arde Lucus á 29ª edición de INTUR, a Feira...

A Deputación participa na nova reunión da veciñanza do Courel arredor da castaña

  A Deputación de Lugo participou este sábado na XXXVII Festa da Castaña do Courel,...