InicioSociedadeRenfe esquécese da provincia de Lugo, pero a veciñanza non se rende

Renfe esquécese da provincia de Lugo, pero a veciñanza non se rende

A plataforma 'Lugo, non perdas o tren' reivindica unha conexión eficaz da nosa provincia co resto de España. Rexeitan os recortes previstos na liña Monforte-León e solicitan un aumento de liñas e unha adaptación dos horarios ás necesidades da poboación.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Disque detrás dun tren vén outro, pero quen di iso non vive en Lugo. Aquí axéitasenos mellor esoutra expresión que fala dos trens que pasan só unha vez. E é que as conexións ferroviarias desta provincia non son precisamente dignas de louvanzas. A Plataforma cidadá ‘Lugo… non perdas o tren’ entende que os plans de transporte de tren deixan Lugo á marxe. Por iso, trasladarán as súas queixas ante Renfe co ánimo de impedir que se siga tronzando un servizo xa de por si deficiente.

Este colectivo explica que en Galicia están a reestruturarse as liñas ferroviarias para futuras conexións de alta velocidade, mais os plans deixan Lugo “parcialmente” a un lado. Mellorar os enlaces co resto de España e entre as vilas do interior da provincia é o obxectivo que perseguen.

AUMENTAR AS LIÑAS E ADAPTAR OS HORARIOS

Así pois, requiriranlle á Presidencia de Renfe a planificación e posta en marcha dun servizo de ferrocarril adecuado entre A Coruña, Monforte de Lemos e Ourense. Piden unha frecuencia de horarios e liñas que atenda as necesidades da poboación co resto da provincia: por exemplo, que combinen ben cos horarios das consultas médicas no Hula ou coas xornadas lectivas no campus de Lugo. 

Entre as súas solicitudes tamén se atopa a de facilitar as conexións cos oito trens TAV que se prevé que conecten Ourense con Madrid no 2020, xa que Lugo non dispón aínda da Intermodal. Ademais, tampouco esquecen unha vella demanda, como é a de habilitar os servizos con Cataluña durante os sete días da semana. Actualmente, non están activos os sábados e domingos, “o que ocasiona un grave prexuízo aos usuarios desa liña”, aseguran. “Queremos ter prazas en tren todos os días do ano e non que en datas de maior uso do tren colguen o cartel de ‘non hai billetes’ “.

FEVE E MERCADORÍAS

Así mesmo, opóñense aos recortes de servizos na liña Monforte-León, “tal como se prevé para o próximo outono”. Nese sentido, tamén reclaman que nesas planificacións se inclúan as conexións coa Rede de Transporte Europeas. Suxiren ligar os portos da Coruña e Ferrol con Monforte e León a través da terminal de mercadorías de Lugo.

Estación de tren de Monforte | P.C.
Estación de tren de Monforte | P.C.

Por outra banda, lembran tamén a importancia dos servizos de FEVE entre Ferrol e Oviedo, nos que “por desidia de Renfe observamos carencias e fallos inadmisibles case todas as semanas“.

INTEGRAR LUGO CO RESTO DE ESPAÑA

Sen ánimo de renderse, a plataforma ‘Lugo…, non perdas o tren’ advirte de que fará todos os esforzos precisos para conseguir unha eficaz integración de Lugo na rede ferroviaria española. Para iso, din, poñeranse en contacto con todos os representantes de Lugo no Parlamento e no Senado. “Que todos presionen de forma efectiva á Presidencia de Renfe e ao resto de institucións relacionadas coa materia”, reclaman.

 

A marxinación histórica do tren na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

 

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...