InicioEconomíaA marxinación histórica do tren na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal

A marxinación histórica do tren na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Un estudo sobre o sistema ferroviario galego-luso denuncia o "arcaico servizo" dunha das comunidades transnacionais máis importantes de Europa

PUBLICADA O

- Advertisement -

Malia que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é, probablemente, “o espazo transfronteirizo mellor definido en Europa”, e que “a transformación de Galicia-Norte de Portugal nunha comunidade transnacional é cada vez máis clara”, o certo é que segue estando á coa en vertebración territorial mediante os sistemas de transporte e, de xeito peculiar, mediante o ferrocarril. Por iso é “incompresible a falta dunha oferta axeitada” para esta área de Europa. Así o constata un estudo realizado polo investigador Mateo Varela Cornado, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Se ben se avanzou na construción de novas infraestruturas nas últimas décadas, en especial, viarias, para facilitar os desprazamentos entre Galicia e Norte de Portugal, facilitando a mobilidade transfronteiriza, “segue existindo un gran déficit na oferta de transporte colectivo, en especial do ferrocarril”, advirte este estudo, publicado na Revista Transporte y Territorio, editada pola Universidad de Buenos Aires co título ‘El desigual impacto de las políticas ferroviarias en una región transfronteriza. El caso de la Eurorregión Galicia-Norte de Portugal’.

O traballo sinala que as políticas ferroviarias desenvolvidas tanto polo Goberno español como polo portugués durante as últimas décadas tiveron un “impacto desigual no territorio e con escasa incidencia para a integración do actual espazo que hoxe forma a Eurorrexión“.

“Nun marco actual no que se procura unha maior integración europea, onde as fronteiras políticas xa non son un impedimento para a mobilidade de persoas e mercadorías, é  incompresible a falta dunha oferta adecuada para a vertebración de eixos e rexións supra-estatais como é este caso”, critica Varela.

O certo é que a pesar de todas as directrices marcadas desde a Unión Europea e as fortes sinerxias internas nun espazo coma a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “non existe unha planificación conxunta en materia de transporte colectivo e en especial, do ferrocarril para este espazo”, subliña o estudo.

O paradoxal é que cidadáns galegos, sobre todo os do sur do país, teñen maiores facilidades para desprazarse a Madrid e outras zonas do Estado que á veciña Portugal. Así, e como sinala este estudo, nos últimos anos os tempos de desprazamento á capital de España por tren se reduciron drasticamente —e sen ter chegado aínda o AVE—, competindo co vehículo privado. Porén, viaxar en tren de Galicia a Portugal segue sendo case unha aventura e tampouco se apostou por proxectar e construír unha liña de alta velocidade que vertebre todo o Eixo Atlántico, xa non só desde Porto até Ferrol, senón desde Lisboa.

“Ben é certo que temos que ter en conta o período no cal se constrúe a maior parte da rede ferroviaria a ambos os dous lados da fronteira, finais do século XIX e principios do XX, onde a mobilidade transfronteiriza non tiña a mesma magnitude que na actualidade. De aí, a falta de conexións entre Galicia e o Norte de Portugal”.

“Pero por outra banda, desde a entrada dos dous estados na Comunidade Económica Europea en 1986, non se levaron a cabo grandes actuacións para a mellora das comunicacións mediante transporte colectivo“, lamenta Mateo Varela Cornado, que sinala que o único que se fixo foi “tan só o mantemento dun arcaico servizo internacional e puntuais melloras”, é dicir, “todo o contrario do marcado desde as diferentes directivas europeas e sobre todo, nun momento no que ferrocarril volve cobrar importancia dentro da mobilidade diaria”.

O atraso ferroviario non só se dá nas conexións metropolitanas dentro do propio país —Galicia está moi lonxe de gozar dun sistema de conexións ferroviarias entre cidades como o que teñen, por exemplo, Madrid ou Cataluña—, tamén é precario na media e longa distancia.

Por outra banda, o estudo sinala que “a falta de competencias en materia de infraestruturas e servizos de transporte por parte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dificulta aínda máis a posta en marcha de servizos comúns, nun espazo onde conviven políticas diferentes”.

Máis información nesta reportaxe do Galicia Confidencial

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...