InicioPolíticaO PP provincial pide un pleno extraordinario para aclarar o futuro das...

O PP provincial pide un pleno extraordinario para aclarar o futuro das residencias

O goberno provincial lanza unha mensaxe de tranquilidade e asegura que se respectarán os convenios xa asinados.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo provincial do PP solicitou a celebración dun Pleno extraordinario para que o goberno da Deputación aclare o “futuro” que ten proxectado para as residencias de maiores, cuxa xestión pretenden trasladar agora á Xunta.

A presidenta do PP na provincia e voceira na Deputación, Elena Candia, explicou a súa petición nunha rolda de prensa. “Mal empeza o presidente da institución se a súa primeira decisión é a de desistir e romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos”, criticou, en relación ao acordo de goberno para pedirlle á Xunta de Galicia que asuma a responsabilidade respecto aos centros de maiores.

“Non permitiremos que o Goberno socialista e nacionalista se desentenda da rede de residencias, que supuxo un forte investimento público e que sempre usaron politicamente ao seu antollo”, precisou Candia. “Durante a campaña electoral prometeron máis residencias, mesmo asinaron novos convenios, como son o de Ourol e Cervantes” e agora, lamentan, “parece ser que non se queren facer cargo dos centros”.

Así pois, os populares rexistraron unha solicitude de petición para a celebración dun Pleno extraordinario que “dea tranquilidade e seguridade xurídica” respecto do funcionamento destes centros. Queren evitar, dixo Candia, a alarma e a incerteza que están xurdindo arredor deste asunto.

O GOBERNO LANZA UNHA MENSAXE DE TRANQUILIDADE

Termos semellantes utilizou Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación, á hora de responder ás críticas populares. Pediu, precisamente, “que non se semente a dúbida e o alarmismo, que é o que fixo Elena Candia” coas declaracións previas. Así, tanto ela como a voceira do PSOE na Deputación, Pilar García Porto, insistiron en lanzar unha “mensaxe de tranquilidade” a Concellos e veciñanza. Aseguraron que o goberno respectará os convenios que se asinaron segundo o previsto. 

García Porto garantiu que a vontade da Deputación non é a de diminuír a prestación de servizos, senón simplemente cambiar a maneira na que estes se están prestando. Explicou que a Deputación ten “moitísimos” gastos, polo que esta decisión -a de pedirlle á Xunta que se faga cargo dos centros de maiores- vai encamiñada a “non engordar” a prestación duns servizos que lles son “impropios”. Desta maneira, cre que se poderá traballar con maior dilixencia naqueloutros aspectos que si que son competencia provincial.

A nacionalista Maite Ferreiro, pola súa parte, ve “curioso” que o PP, da man da Xunta, se preocupe agora polas residencias. “É de agradecer” o seu interese, pero “que atendan tamén as súas responsabilidades”, como son a garantía de calidade nos servizos sanitarios. Neste senso, lamentou as noticias de problemas de persoal en centros da Mariña, por exemplo.

Así e todo, amósanse abertas á celebración dese Pleno extraordinario que piden dende o PP e no que, din, quedará claro o seu compromiso cos veciños e os Concellos.

+ posts

ÚLTIMAS

Polémica en Lugo polo presunto uso irregular de fondos de Turismo

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou á dirixente provincial do PPdeG...

Rescatadas nove vacas tras caer por un precipicio en Taboada

O rescate dun grupo de vacas precipitadas nun desnivel na contorna do río Miño,...

PSdeG e BNG denuncian os pactos escuros do PP que acusa a socialistas e nacionalistas de “cruzar unha liña vermella”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse este venres aos incidentes...

A CIG denuncia a “criminalización” dos traballadores que enferman este 1 de Maio

Centos de persoas saíron á rúa en Lugo, no acto central convocado polo sindicato...