InicioEconomíaLugo, paradigma da "irracional" política urbanística en Galicia

Lugo, paradigma da “irracional” política urbanística en Galicia

A proporción de chan urbano por persoa triplícase en Galicia en relación ás comunidades mediterrráneas. A área de Lugo e a provincia son exemplos da "irracional" política urbanística, onde se oferta máis solo residencial e industrial do que se necesita realmente.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os municipios próximos ou incluídos dentro das áreas urbanas de Lugo e Ourense son os que clasifican maior cantidade de chans con dereitos de edificación por habitante en Galicia. Así o constata un estudo realizado na Universidade de Santiago.

O paradoxal é que o chan urbano por habitante segue un patrón inverso á caída demográfica, pois hai maior superficie de chan urbano por habitante nos municipios da Galicia oriental, sobresaíndo os municipios do norte da provincia de Lugo, así como na conexión Santiago-Ourense, municipios afastados do occidente galego, que experimentaron un crecemento demográfico nas últimas décadas, saliéntase no estudo.

Ademais, a área de influencia da cidade de Lugo é a que presenta maior superficie de chan industrial, canda os municipios das áreas metropolitanas e de influencia de Vigo, Santiago e A Coruña.

A oferta de chan industrial baleiro concéntrase principalmente na provincia da Coruña, alcanzando case a metade da superficie total de parcelas baleiras en Galicia. Pontevedra representa arredor do 22 por cento; Lugo, o 20 por cento, e Ourense, pouco máis do 8 por cento.

As infraestruturas, equipamentos e dotacións xogaron un papel clave. Por exemplo, o municipio de Castroverde, na área de influencia de Lugo, tentou clasificar chans urbanizables próximos á fronteira co municipio lugués cando tivo coñecemento de que se ía construír un hospital provincial nas proximidades.

A construción de autovías tamén fomenta que os municipios adquiran esperanzas de desenvolvemento e terminen programando chan industrial. Así, os autores do estudo destacan o exemplo do concello lugués de Abadín (Terra Chá), que tiña unha congregación de naves que non estaban delimitadas como polígono industrial, pero cando se abriu a autovía o goberno local delimitou a maiores un polígono na saída.

Os autores destacan, ademais, os casos de dúas comarcas do interior, Terra Chá e Deza, onde todos os municipios teñen chan industrial baleiro. Tamén destacan que malia que A Coruña é a provincia con maior cantidade de chan industrial baleiro, a maior cantidade de solo industrial baleiro por habitante localízase nos municipios próximos a Lugo e na zona interior desta provincia.

SOBREPRODUCIÓN DE SOLO EDIFICABLE EN GALICIA

Agás Murcia, a proporción de chan urbano por persoa triplícase en Galicia e Castela e León en relación ás comunidades do arco mediterráneo. O caso galego é especialmente paradoxal, xa que o plan urbanístico non deixou de ser expansivo nos últimos anos malia o declive demográfico. Segundo datos do catastro, a superficie urbana en Galicia (a suma de parcelas edificadas e edificables, exceptuando os núcleos rurais) é a que máis se incrementou en España.

O galego e o de Castela e León preséntanse como “casos anómalos en relación á clasificación de chan urbano e a súa evolución demográfica”. Segundo o estudo ‘Competir por crecer. Un análisis de la política urbanística en Galicia’, estas dos dúas comunidades, malia ser dúas das tres autonomías que están a perder poboación nas últimas dúas décadas, están clasificando máis chan urbano que Murcia, Valencia e Andalucía xuntas, comunidades onde si creceu a poboación.

O estudo mostra que “a clasificación que fan os municipios de chan urbano non parece estar relacionado coa dinámica demográfica presente” en Galicia. Así, afírmase que “os municipios galegos procederon a clasificar chan con dereitos de edificación nunha porcentaxe moi superior ás necesidades  reais que se poden derivar da evolución demográfica na maioría dos casos”.

O estudo conclúe que “a sobreproducción de chan industrial pode ser considerada […] un síntoma dun escenario de competencia por capturar o escaso crecemento entre os municipios galegos”. Tamén, que “a cor política dos gobernos municipais inflúe substancialmente á hora de tomar a decisión nos municipios de clasificar chan con dereitos de edificación”, nun escenario de “baixa competencia electoral (un mesmo partido posúe máis da metade dos escanos a nivel local)”, onde ademais os partidos gobernanates teñen unha “orientación conservadora, sobre todo nas áreas rurais”.

En xeral, “os municipios galegos comportáronse dunha forma irracional, aínda que que a nivel individual o seu comportamento é totalmente racional, na medida que usan as ferramentas das que dispoñen para fomentar o desenvolvemento”, engaden os autores, para os que “a outra cara da moeda” é que a Xunta de Galicia estableceu en varios marcos xurídicos (Lei do Solo, Directrices de Ordenación do Territorio, etc.) regulacións que deberían velar polos principios de desenvolvemento territorial e urbano sustentable, “e estas parecen estarse a aplicar dunha forma moi laxa”. “A negativa do Goberno autonómico a entrar nun conflito cos municipios está detrás da pouca observancia destas regulacións”, sentenzan.

+ posts

ÚLTIMAS

Fernández reclama a renovación da rede de abastecemento en Paradai

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, visitou esta semana o barrio de...

Candia fai chegar á subdelegada do Goberno prioridades en seguridade, mobilidade e infraestruturas

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do...

Case corenta detidos por roubo de 140 Km de cable de cobre en varias provincias, entre elas Lugo

A Garda Civil detivo a 39 persoas nas provincias de Ávila, La Rioja e...

O Parlamento galego apoia por unanimidade a candidatura de Lugo para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública

O Parlamento galego pide á Xunta que impulse o apoio á candidatura de Lugo...