InicioEconomíaO metal de Lugo sae á rúa e avisa de dúas xornadas...

O metal de Lugo sae á rúa e avisa de dúas xornadas de folga se non hai avances no convenio

CIG, UGT e CC OO reclaman melloras salariais, redución da xornada e maior cobertura nas baixas médicas. A mesa negociadora volverá reunirse o 9 de outubro e os sindicatos manteñen convocados paros para os días 14 e 21.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Traballadores do sector do metal participaron este xoves na mobilización convocada pola CIG, UGT e CC OO no polígono do Ceao, en Lugo, para reclamar avances na negociación dos convenios colectivos do siderometal e do comercio do metal da provincia. A protesta percorreu parte da avenida principal do parque empresarial, onde os manifestantes lanzaron proclamas e obrigaron a desviar o tráfico nun dos sentidos da vía. Ao longo do percorrido fóronse sumando máis traballadores do sector. Os participantes tamén deron unha volta arredor dunha das rotondas de acceso ao polígono, o que provocou algunhas retencións, nunha mobilización que se prolongou durante case unha hora. Entre as proclamas escoitáronse mensaxes como “A loita é o único camiño”, “Salario digno e non de lixo”, “Se sobe o IPC, os salarios tamén” e “Se isto non se arranxa, caña; se isto non se arranxa, guerra”.

OITO REUNIÓNS E MÁIS DE SETE MESES DE NEGOCIACIÓN

O responsable de CIG-Industria Lugo-A Mariña, Afonso Losada, explicou que a mobilización chega despois de oito reunións da mesa negociadora e máis de sete meses de negociación. Segundo sinalou, nas distintas asembleas de traballadores celebradas na provincia o acordo foi “contundente”: “Ou se producían avances rápidos e concretos ou era preciso comezar coas mobilizacións”. Losada afirmou que na reunión do pasado 25 de setembro a patronal non presentou “ningún tipo de proposta económica nova” nin unha proposta sobre a redución da xornada, polo que os sindicatos decidiron iniciar o calendario de protestas. “As principais reivindicacións son salario, xornada e IT”, explicou, aínda que recalcou que a plataforma sindical inclúe un número máis amplo de demandas.

UNHA SUBA SALARIAL DO 7 % ANUAL

O representante da CIG puxo especialmente o foco na perda de poder adquisitivo dos traballadores ante o incremento do custo da vida. “Cos prezos disparándose, os salarios convértense no eixo da negociación do convenio”, sinalou. Entre as principais reivindicacións da parte social figura unha suba salarial do 7 % por cada ano de vixencia do convenio, xunto cunha cláusula de revisión anual vinculada ao IPC máis un punto para preservar o poder adquisitivo. Os sindicatos tamén propoñen reducir a xornada laboral nun día por ano a partir de 2027, ampliar a cobertura durante as baixas médicas, mellorar os permisos e incorporar novas medidas en materia de prevención e seguridade.

“NUNCA ESTIVERON COMO AGORA, CON PROBLEMAS PARA CHEGAR A FIN DE MES”

Losada destacou tamén que a negociación do convenio na provincia de Lugo leva máis atraso ca noutras provincias galegas. “As negociacións alí, por Vigo e A Coruña, foron moito máis áxiles. Aquí si que é certo que a patronal sempre dilatou algo máis o proceso”, afirmou. Segundo explicou, mentres noutras provincias as negociacións comezaron en novembro do ano pasado, en Lugo non se iniciaron ata abril. O responsable da CIG trasladou tamén a preocupación expresada polos traballadores nas asembleas pola dificultade para chegar a fin de mes. “Persoas de 50 anos, que xa levan 20 anos no sector, nunca estiveron como agora, con problemas para chegar a fin de mes”, relatou.

FOLGAS PREVISTAS PARA O 14 E O 21 DE OUTUBRO

A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado polos tres sindicatos ante a falta de avances substanciais na negociación. A mesa volverá reunirse o 9 de outubro e, se nese encontro non se producen avances significativos, CIG, UGT e CC OO manteñen convocadas dúas xornadas de folga para os días 14 e 21 de outubro no siderometal e no comercio do metal da provincia de Lugo.

+ posts

ÚLTIMAS

As luces do San Froilán alumearán Lugo desde este venres mentres o Concello reforza o bus urbano

O alumeado decorativo do San Froilán 2026 acenderase este venres, 2 de outubro, ás...

O PP de Lugo acusa ao PSOE de manter a Tomé para non perder o goberno da Deputación

O voceiro provincial do PP de Lugo, Antonio Ameijide, acusou o PSOE de “seguir...

Xornadas formativas sobre retos da crise climática na gandaría de leite ecolóxico

¡A Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación colabora coa Asociación de Produtores...

O PSdeG critica que só catro das 25 novas residencias anunciadas pola Xunta se situarán na provincia de Lugo

O PSdeG pediulle á Xunta que revise o reparto territorial do seu novo plan...