InicioEconomíaestati.co: “O marketing dixital é básico antes de abrir a empresa”

estati.co: “O marketing dixital é básico antes de abrir a empresa”

Os organizadores do estati.co day plantexan un evento no que conectar casos de éxito próximos co empresariado de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sabendo da experiencia dos fundadores da axencia estati.co, a celebración dun congreso de marketing dixital en Lugo era cuestión de tempo. Na mañá do sábado 23 organizan en La Ferretería o primeiro estati.co day no que “educar” o empresariado lucense e visibilizar a importancia das técnicas de mercadotecnia en internet, e no que é preciso inscribirse. Doce profesionais da zona serán poñentes. “Non hai por que buscar fóra”, defenden os anfitrións.

O estati.co day ten un formato workshop no argot do marketing, proporcionando unha experiencia intensiva, con mesas redondas e un café compartido no que crear sinerxias. Aseguran na axencia que hogano “é inconcebible” prescindir das ferramentas do marketing dixital. “É básico antes de abrir a empresa”, pois combina a canle de venda, a comunicación, a atención e a fidelización do cliente. “Fai á empresa máis accesible e permite acción inmediata”.

Claro está que non hai que perder a perspectiva do mundo físico, e cómpre irmandar ambos. Pero coa desaparición das páxinas amarelas, en Google está a reputación e o posicionamento da empresa, e aí “os detalles marcan diferenzas”. “A recomendación offline ten moito peso aínda, pero a facilidade da dixital fai que o usuario sempre busque en internet antes de comprar”, pois calquera pode ter un móbil con acceso á rede global. 

Antes de crear a axencia, os impulsores de estati.co foron a un gran número de congresos. Aprecian que se trata dun mundo “moi pechado”, “cos mesmos poñentes e os mesmos dicursos” por parte dos gurús do marketing dixital. Outro dos inconvintes é que a maioría son celebrados en Madrid ou Barcelona, sempre co risco de longas viaxes e escaso rédito. Ese é un modelo do que queren fuxir.

Mais vendo o que nos congresos tiñan que ofrecer, foron recollendo “cachiños de cada un” para conformar un modelo propio. Os dous socios conectaran en 2002, cando coincidiron nunha empresa que desenvolvía webs. Mais “aí quedaba”, e co tempo foron acumulando outras inquedanzas. En 2014 decidiron marchar e investigar toda a cadea de valor da web, formándose de congreso en congreso, e dende entón, día a día.

Hai dous anos, despois de pasar pola Fundación CEL, estabelecéronse na Avenida da Coruña de Lugo. A cidade chega “tarde e mal”, con tendencia no empresariado local a “tentar facer todo sen gastar”. Aliás, aprecian no comercio un cambio de chip, polo que un encontro coma o estati.co day semella máis relevante ca nunca.

Na axencia ocúpanse de “rentabilizar a presenza online” do cliente, ao que acompañan durante o tempo necesario para acadar os obxectivos fixados. Ofrecen xestión de redes sociais e optimización do posicionamento en buscadores, aínda que o máis solicitado é o comercio electrónico, para o que desenvolveron un modelo de boa aceptación. Outro dos factores chave é o auxe de instagram, plataforma valorada porque é dinámica e nativa para o móbil.

Existe máis conciencia da importancia das redes, de personalizar o público obxectivo, de medir e capturar datos para coñecer o cliente. Tamén do valor da inmediatez, das oportunidades nas campañas lóstrego. A pesar de que a competencia medra en internet, o marketing dixital ofrece capacidades que antes só estaban dispoñibles para grandes superficies.

Por estes motivos, o estati.co day debe servir para potenciar e visibilizar o talento local, profesionais de Lugo conscientes das feblezas e fortalezas dos negocios da zona no eido dixital. Casos da contorna, “que poden ser un exemplo para quen dá os primeiros pasos, pois teñen máis en común”. A xornada ofrecerá coñecemento de proximidade, avaliando os erros e solucións sobre todo en pemes.

Así as cousas, haberá “un pouco de todo”. Salientan os promotores o atractivo da mesa de influencers, os prescriptores da era dixital. Procuraron contar con profesionais cos que os asistentes poidan sentirse identificados, de diferentes sectores, e mesturando a empresa grande e pequena.

A metodoloxía será participativa, procurando o debate. Disporase un café networking máis informal, que acompañará os faladoiros individuais (con especialistas en aplicacións ou publicidade), e mailas mesas redondas de 45 minutos, cun enfoque interactivo.

A comercialización, o talón de Aquiles do emprendemento lucense

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...