Os gandeiros e agricultores da provincia de Lugo, dirixidos por Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, continuaron durante a xornada deste venres a súa protesta indefinida contra o acordo da Unión Europea e Mercosur. Un grupo dos 150 tractores que teñen tomada a Rolda da Muralla puxéronse de novo en marcha pasado o mediodía para acompañar aos manifestantes no seu percorrido a pé desde a Xunta de Galicia até a sede da Subdelegación de Goberno. Tamén unha vaca estivo na marcha a pé ante un grupo menos numeroso que os días anteriores, debido en gran parte ao temperán da hora e a que moitos dos manifestantes tiveron que volver ás súas explotacións, que requiren dun traballo continuo.
Aínda así, a manifestación tivo lugar causando de novo un caos circulatorio na cidade, xa que a Muralla estivo cortada durante varias horas. As concentracións cobran o seu momento álxido ás 22.00 horas, que, como explica Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, é cando a maior parte dos gandeiros rematan os seus labores diarios. A pasada noite, acendéronse todos os faroliños dos tractores e os asistentes quentáronse ante as frías temperaturas ante un lume. Esta tarde está previsto que os tractores volvan porse en marcha, percorrendo a cidade e as zonas próximas, e pola noite volverán concentrarse ante a Xunta.
O sábado será o día no que se asinará o acordo e os dous colectivos convocantes das concentracións anunciarán tamén pola tarde as accións de protesta que levarán a cabo. Tanto Noelia Rodríguez, de Agromuralla, como Santiago Rego, de Gandeiros Galegos da Suprema, lembraron as consecuencias que traerá esta medida, “que levará ao despoboamento do rural e a unha catástrofe para o sector“. Pola súa banda, Rego recoñece que estas accións puxeron a Mercosur na diana da actualidade para facer consciente á sociedade da súa existencia e dos problemas que traerá para o consumidor.
Pola súa banda, Noelia Rodríguez fixo unha valoración destes cinco días de concentracións para asegurar que o único que conseguiron até agora “son promesas que non son suficientes”. Lembra o compromiso da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para elaborar unha moción de apoio que buscará o acordo de todos os partidos, así como da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, de “levar estas demandas aos eurodiputados, que son os que poden facer presión”. De feito, están a facer as xestións necesarias para poder reunirse cos eurodiputados de todos os partidos políticos. Pola súa banda, os colectivos non descartan participar nas mobilizacións que se levarán a cabo en Madrid e todas as tardes comunicarán o programa para o día seguinte, xa que as concentracións seguirán indefinidamente.
INICIATIVA DO PP
Pola súa banda, o Grupo Provincial Popular levará ao próximo pleno da Deputación de Lugo unha iniciativa coa que busca lograr un acordo conxunto de todos os grupos políticos para defender de forma firme o sector primario da provincia e os seus intereses, “deixando á marxe as diferenzas ideolóxicas”. O portavoz popular, Antonio Ameijide, subliña a necesidade dunha posición común ante o inminente acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, e neste contexto considera imprescindible “actuar con coherencia e unidade institucional”. Ameijide lembra as recentes declaracións da presidenta da Deputación, Carmela López, quen anunciou medidas de apoio ao sector sen concretalas, e sostén que o secretario xeral do PSdeG ve o acordo con Mercosur positivo para Galicia.
O PP sostén que é unha contradición que reforza a necesidade dunha postura clara e consensuada. A proposta popular inclúe esixir ao Goberno de España a defensa das cláusulas de salvagarda no acordo UE-Mercosur, así como o reforzo dos controis en fronteira para garantir que os produtos de terceiros países cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos na Unión Europea. Así mesmo, ínstase á Xunta de Galicia a manter e reforzar as medidas de apoio ao sector primario, especialmente en materia de sanidade animal, prevención de enfermidades, compensacións por perdas e control da fauna salvaxe.
