InicioEconomíaA Xunta denega a autorización ambiental ao proxecto da planta de biometano...

A Xunta denega a autorización ambiental ao proxecto da planta de biometano en Coeses

O informe vinculante da Confederación Hidrográfica declara "inadmisible" a vertedura, aínda que a empresa ten un mes para recorrer.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dirección Xeral de Calidade e Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, denegou a autorización ambiental ao proxecto de construción dunha planta de valorización de residuos orgánicos e produción de biometano na parroquia de Coeses, a dous quilómetros da cidade de Lugo. Este organismo, que é o competente para a tramitación e o seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos chans, considera que o informe “preceptivo e vinculante” da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que declara “inadmisible a vertedura” impide outorgar esta autorización.

Segundo trasladaron fontes da Xunta, a Confederación emitira informes nos meses de maio e setembro do ano pasado nos que concluía que “a documentación achegada polo promotor era insuficiente para realizar o informe en materia de verteduras”. Ademais, sinalaba “múltiples deficiencias que debían ser emendadas, tendo en conta o caudal indicado e o sistema de depuración descrito”. E é que, o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en xullo do ano pasado xa condicionaba a viabilidade do proxecto ao informe da Confederación no que se garantise a calidade das augas “do medio acuático receptor e que a vertedura ao arroio Vilalvita cumpra, en todo momento, os límites establecidos no seu plan hidrolóxico vixente para os distintos parámetros físico-químicos”.

Así, a Xunta explicou que transcorrido o prazo para a emisión dun novo informe por parte da Confederación “sen que se recibise resposta”, dado que os informes emitidos por este organismo son “desfavorables” ao proxecto e que o promotor “non achega novos elementos de xuízo na alegación presentada no trámite de audiencia” débese denegar a autorización ambiental integrada. Agora, a empresa ten un mes para interpor recurso de alzada.

SATISFACCIÓN E CAUTELA

A noticia foi acollida con alegría por un colectivo veciñal que baixo o nome de ‘Lugo non quere cheiros’ levaba meses protestando por este proxecto. As manifestacións en contra foron tamén secundadas tanto polo BNG como polo PSOE, quen levaron este tema a Pleno e tamén ao Parlamento de Galicia, instando á Xunta a retirar o seu apoio ao proxecto. O presidente do colectivo veciñal, Julio Rodríguez, asegurou que os veciños están contentos, pero mantéñense á expectativa. “O paso máis importante está dado, pero non nos fiamos do todo, porque hai tempo para alegar e non cremos que a empresa o deixe pasar, xa que levan tres anos pagando polo aluguer das terras”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, manifestou que esta resolución “pon de relevo a forza do movemento veciñal e a importancia da mobilización social”. Ademais, engadiu que “resulta preocupante que a Xunta de Galicia declarase prioritario un proxecto que agora se demostra inviable, visto o seu impacto ambiental e as graves deficiencias técnicas que foron sinaladas polos informes”. “Esta situación reflicte a necesidade de maior rigor e responsabilidade á hora de avaliar este tipo de iniciativas, asegurando que os intereses xerais dos veciños estean sempre por enriba de calquera outro criterio”, apuntou.

ÚLTIMAS

Cae unha rede que extorsionaba homes en webs de citas sexuais

A Garda Civil detivo a unha persoa e investiga a outro catro acusadas de...

Prosegue a procura da anciá de 85 anos desaparecida hai unha semana no barrio de Montirón

A Policía Nacional continúa dirixindo a procura de Isaura, a anciá de 85 anos que non volveu...

O PP de Lugo pide ao Goberno aclarar se abrirá este verán un novo tramo da A-54

Os senadores do PP de Lugo --José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-- pediron...

Perdera o carné por orde xudicial e seguía conducindo

A Policía Local de Lugo denunciou, por un delito contra a seguridade viaria, a...