InicioEconomíaA Xunta denega a autorización ambiental ao proxecto da planta de biometano...

A Xunta denega a autorización ambiental ao proxecto da planta de biometano en Coeses

O informe vinculante da Confederación Hidrográfica declara "inadmisible" a vertedura, aínda que a empresa ten un mes para recorrer.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dirección Xeral de Calidade e Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, denegou a autorización ambiental ao proxecto de construción dunha planta de valorización de residuos orgánicos e produción de biometano na parroquia de Coeses, a dous quilómetros da cidade de Lugo. Este organismo, que é o competente para a tramitación e o seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos chans, considera que o informe “preceptivo e vinculante” da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que declara “inadmisible a vertedura” impide outorgar esta autorización.

Segundo trasladaron fontes da Xunta, a Confederación emitira informes nos meses de maio e setembro do ano pasado nos que concluía que “a documentación achegada polo promotor era insuficiente para realizar o informe en materia de verteduras”. Ademais, sinalaba “múltiples deficiencias que debían ser emendadas, tendo en conta o caudal indicado e o sistema de depuración descrito”. E é que, o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en xullo do ano pasado xa condicionaba a viabilidade do proxecto ao informe da Confederación no que se garantise a calidade das augas “do medio acuático receptor e que a vertedura ao arroio Vilalvita cumpra, en todo momento, os límites establecidos no seu plan hidrolóxico vixente para os distintos parámetros físico-químicos”.

Así, a Xunta explicou que transcorrido o prazo para a emisión dun novo informe por parte da Confederación “sen que se recibise resposta”, dado que os informes emitidos por este organismo son “desfavorables” ao proxecto e que o promotor “non achega novos elementos de xuízo na alegación presentada no trámite de audiencia” débese denegar a autorización ambiental integrada. Agora, a empresa ten un mes para interpor recurso de alzada.

SATISFACCIÓN E CAUTELA

A noticia foi acollida con alegría por un colectivo veciñal que baixo o nome de ‘Lugo non quere cheiros’ levaba meses protestando por este proxecto. As manifestacións en contra foron tamén secundadas tanto polo BNG como polo PSOE, quen levaron este tema a Pleno e tamén ao Parlamento de Galicia, instando á Xunta a retirar o seu apoio ao proxecto. O presidente do colectivo veciñal, Julio Rodríguez, asegurou que os veciños están contentos, pero mantéñense á expectativa. “O paso máis importante está dado, pero non nos fiamos do todo, porque hai tempo para alegar e non cremos que a empresa o deixe pasar, xa que levan tres anos pagando polo aluguer das terras”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, manifestou que esta resolución “pon de relevo a forza do movemento veciñal e a importancia da mobilización social”. Ademais, engadiu que “resulta preocupante que a Xunta de Galicia declarase prioritario un proxecto que agora se demostra inviable, visto o seu impacto ambiental e as graves deficiencias técnicas que foron sinaladas polos informes”. “Esta situación reflicte a necesidade de maior rigor e responsabilidade á hora de avaliar este tipo de iniciativas, asegurando que os intereses xerais dos veciños estean sempre por enriba de calquera outro criterio”, apuntou.

ÚLTIMAS

Avance de cartel do Caudal Fest 2026

O 'Caudal Fest', evento que segue en ascenso ata posicionarse como o terceiro festival...

O lucense Alejandro Álvarez, ‘Mellor Condutor de Autocares 2025’ na categoría Mundo na feira ‘ExpoBus Iberia’

ExpoBus Iberia é unha feira de transporte de viaxeiros por estrada que tivo lugar...

Os concursos de dereitos mineiros caducados en Pontevedra e Lugo quedan desertos

Os concursos públicos impulsados pola Xunta para dereitos mineiros caducados nas provincias de Pontevedra...

Atrasos no tren A Coruña-Lugo tras a caída dunha furgoneta ás vías do tren en Begonte

A caída dunha furgoneta ás vías do tren na localidade lucense de Begonte provocou...