O Consello da Xunta aprobou a contratación das obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo por un importe que rolda os 20 millóns de euros e os que a Administración autonómica asume o 65% do custo.
Rueda puxo en valor esta licitación para facer realidade unha infraestrutura que cualificou de “estratéxica” para a cidade e que implicará un investimento global de case 50 millóns de euros. Con todo, considerou necesario que estea acompañada dun aumento de servizos de tren e da garantía de que esta cidade estará conectada coa alta velocidade, en referencia tamén ao cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos, 3 horas 47 minutos na conexión con Madrid.
“Esperamos que ese compromiso, que xa é moi urxente, sexa certo a partir de agora”, demandou para lembrar que a licitación aprobada este xoves está recollida no convenio “a tres bandas” asinado o pasado día 17 de marzo entre a Xunta, o Concello de Lugo e Adif, no que se fixou que a achega do Goberno galego para o desenvolvemento da nova área do transporte intermodal de Lugo, ascenderá a un total de 12,8 millóns de euros.
Segundo detallou o mandatario galego, a Xunta financia con 8,5 millóns de euros o 100% da construción do edificio de viaxeiros e as dársenas con capacidade para unha vintena de autobuses. En canto ao aparcadoiro, que vai estar xusto debaixo da dársena, contará con 240 prazas e oito máis para persoas con mobilidade reducida. Rueda explicou que a Xunta asumirá o 40% do custo, con 4,7 millóns, mentres que o resto correrá a cargo de Adif.
Deste xeito, a Xunta incrementa nun 50% a contía que ía destinar inicialmente á terminal, xa que agora fai fronte tamén a parte dos custos do aparcadoiro, do que se ía a facer cargo integramente Adif. Rueda avanzou que a previsión é iniciar as obras no ano 2024, de forma coordinada cos traballados da estación do ferrocarril, que lle corresponde executar a Adifl.
ESTACIÓN FERROVIARIA
A intermodal de Lugo complétase coa nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución é responsabilidade de Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso interior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 millóns.
Levará emparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a case 11,7 millóns e será financiado nun 60% por parte de Adif e nun 40% polo Concello.