O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou este martes que os traballos para restablecer a conexión na A-6 a través do viaduto do Castro intensificaranse como parte do acordo asinado o luns entre PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez.
“O que imos facer é intensificar máis se cabe os traballos para que nesa vía estea restablecida a conexión Galicia-Madrid con moita brevidade”, asegurou Blanco, no marco da inauguración do V Xornada de formación para Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre violencia de xénero, celebrada na Deputación de Lugo.
O pacto entre nacionalistas e socialistas contemplaba o avance e a finalización das obras dalgunhas das infraestucturas viarias claves para a provincia de Lugo, como a apertura do tráfico no citado viaduto en dirección Madrid, un feito que se materializará, asegurou o delegado, “antes de fin de ano“.
XORNADAS PARA ERRADICAR O “TERRORISMO MACHISTA”
O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo foi a sede da celebración dunha xornada de formación sobre violencia de xénero na que participaron máis de 150 efectivos das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. No encontro, que se estendeu durante toda a mañá e que versou sobre a protección das vítimas e os dispositivos de control telemático das medidas e penas de afastamento, participaron tamén a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
A rexedora chamou a atención sobre a importancia de traballar de maneira conxunta para eliminar “a secuela social” que representa o “terrorismo machista” a fin de que non haxa ningunha muller máis, dixo, “que morra a mans da súa parella ou ex parella simplemente polo feito de ser muller”. Nunha liña similar manifestouse o presidente provincial, José Tomé, quen tachou de “problema endémico” a violencia de xénero antes de destacar o papel primordial que xoga “a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado” para lograr que “non haxa ningunha muller maltratada e moito menos asasinada”.
“Este é un acto de formación pero tamén de constatación de que o Goberno de España vai traballar para a erradicación da violencia de xénero”, proclamou, pola súa banda, o delegado Pedro Blanco, quen sinalou que o goberno reduplicou “os esforzos orzamentarios” en materia de violencia de xénero e incrementou “o número de axentes e persoal destinado á protección das mulleres” vítimas de violencia.