A folga de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba, servizo concesionado á empresa Urbaser, mantense tras romper onte novamente as negociacións, segundo informa a CIG. Nun comunicado, explica que foi despois de que a empresa presentase unha nova proposta económica “que aínda rebaixaba máis as cantidades ofertadas na reunión anterior”.
O persoal da concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba leva desde o pasado mes de abril tentando negociar un novo convenio colectivo. A súa principal demanda, explica a central sindical, é “poder recuperar o poder adquisitivo perdido e garantir salarios dignos para todo o persoal, porque están a ingresar agora 300 euros líquidos menos ao ano que en 2011″.