InicioEconomíaMáis da metade dos orzamentos da Deputación de Lugo irán para a...

Máis da metade dos orzamentos da Deputación de Lugo irán para a políticas sociais e o Plan Único

As contas, que exceden os 100 millóns de euros, consignan 10 millóns para residencias de maiores, un 20 máis que en 2021

PUBLICADA O

- Advertisement -

Máis da metade dos orzamentos da Deputación de Lugo para 2022 irán destinados a políticas sociais –uns 34 millóns de euros– e ao ‘Plan Único’, o proxecto de investimentos para os 67 concellos da provincia –21,5 millóns–. Así o detallou este luns en rolda de prensa o presidente, o socialista José Tomé, acompañado pola vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro, e pola responsable de Economía da institución provincial, Mayra García.

O proxecto de orzamentos para o próximo exercicio, que irán ao pleno ordinario do próximo martes, 30 de novembro, ascenden a un total de 100.165.599,49 euros. As contas experimentan unha subida de 7,7 millóns con respecto a 2021, fundamentalmente porque crecen en máis de 6 millóns as achegas do Estado.

Tomé destacou que “son os máis altos da última década“, ao ser uns orzamentos “claramente investidores e claramente sociais, porque o aumento se produce fundamentalmente nos capítulos de investimentos, de transferencia de capital, en gastos de bens e servizos e de benestar”.

“Son uns orzamentos feitos desde o rigor, por un goberno que é sólido, estable –de coalición de PSOE e BNG–. Un goberno que ten un proxecto común e claro para a provincia de Lugo”, resumiu o presidente. En base a todo isto, asegurou que se reforzarán “as políticas sociais, a cooperación cos concellos, o apoio aos sectores produtivos e a mellora da mobilidade”.

AS POLÍTICAS SOCIAIS, “MÁIS DUN TERZO”

O presidente provincial insistiu en subliñar que “en políticas sociais, para o ano 2022, subirase o investimento nun 12% ata alcanzar os 34 millóns de euros, que fai que estas medidas “ocupen máis dun terzo do total” das contas.

“Falamos de políticas sociais, de benestar, de atención ás persoas maiores, de igualdade, de cultura, de deporte, de mocidade, de memoria histórica, de educación e tamén de emprego. En definitiva, do que preocupa á sociedade lucense”, debullou.

AS RESIDENCIAS, CASE 10 MILLÓNS

Tomé puxo especial acento nas residencias para maiores, “que pasan dunha consignación de 8 millóns de euros a case 10, o que representa unha subida dun 20%”. Nesta liña asegurou que “se segue ampliando a rede pública” destas instalacións, lembrando que cando se iniciou o mandato estaban abertas tres –Trabada, Ribadeo e Pol– e desde ese momento outras tres –A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita–. A estas hai que sumar a apertura da de Meira o vindeiro xoves, mentres que en febreiro de 2022 empezará a operar a de Navia de Suarna e, en xuño, a de Ribas do Sil.

Con respecto aos centros de maiores, o presidente resaltou que se conseguiu dar emprego a 200 persoas, “un 95% son mulleres”; á vez que afeou á Xunta que non achegue “nada” para ditas residencias e que non construíse ningunha na provincia nos últimos anos.

+ posts

ÚLTIMAS

Arroxo amosa preocupación polo futuro dos proxectos de Lugo ante a moción de censura

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo (BNG), expresou a súa preocupación polo...

En liberdade o mozo detido por suposta agresión sexual en Lugo con orde de afastamento

O mozo detido en Lugo por unha suposta agresión sexual ocorrida a pasada fin...

Investigado por insultar e ameazar en redes sociais a un xogador do Club Deportivo Lugo

A Policía Nacional identificou a un home, veciño da provincia de Lugo, como presunto...

O FIV de Vilalba pecha a XIX Edición con 7.000 asistentes e un millón de euros en recadación

O FIV de Vilalba pechou a súa décimo novena edición cun balance moi positivo,...