O prezo da vivenda usada en venda en Galicia baixou un lixeiro 0,1% no terceiro trimestre de 2021 con respecto ao do 2020. En concreto, a media sitúase en 1.339 euros por metro cadrado, segundo un informe publicado polo portal idealista. De acordo con este mesmo estudo, o descenso do anterior trimestre –de abril a xuño– foi maior, dun 0,6%.
Se se observa o dato por provincias, o comportamento dos prezos no terceiro trimestre foi bastante dispar. En Pontevedra, subiu un 4,2%, ata os 1.567 euros/m2 de media; mentres que en Ourense encareceuse un 1,8%, ata os 1.160 euros/m2.
No lado oposto están Lugo, onde os prezos descenderon un 3%, a 980 euros/m2 de media por vivenda, o que a converte na provincia máis barata; e A Coruña, onde caeron un 3,4%, ata os 1.293 euros/m2.
Por cidades, durante o último ano o prezo da vivenda usada caeu en Santiago de Compostela (-2%) e subiu na cidade de Vigo (+3,3%). Nas capitais de provincia tamén se observa unha tendencia dispar: sobe o prezo en Ourense (+3,4%) e Pontevedra (+2,9%), mentres que baixa en Lugo (-4,9%) e A Coruña (-2,5%).
A Coruña ten os prezos máis exclusivos de Galicia (2.110 euros/m2). Séguenlle as vivendas de Vigo (1.977 euros/m2), Santiago de Compostela (1.868 euros/m2) e Pontevedra (1.652 euros/m2). Lugo (1.229 euros/m2) e Ourense (1.462 euros/m2), pola contra, son as máis económicas.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.