A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu esta mañá ao concello de Antas de Ulla para coñecer o resultado das obras que se levaron a cabo no Pazo de Vilane para mellorar a eficiencia enerxética a cargo do plan Leader. As axudas deste plan son xestionadas a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural repartidos por toda Galicia e que son os organismos que deciden onde é preciso investir. Por iso, neste sentido, a conselleira resaltou a importancia do traballo que desenvolven os GDR á hora de apoiar aos proxectos dinamizadores do rural, como fixo o GDR Miño-UIla con esta produtora de ovos.
“Eles determinan que necesidades dos veciños urxe cubrir”, sinalou a conselleira, que puxo de exemplo o caso desta empresa familiar. Cunha achega de 11.711 euros a compañía puido instalar 54 módulos fotovoltaicos na cuberta do pazo que permitirá reducir o consumo eléctrico un 40%. A través desta subvención, financiada nun 75% con Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural, abonouse o 40,5% do custo da obra. O proxecto foi elixido o pasado ano polo GDR Miño-Ulla pola súa importancia para o desenvolvemento da contorna.
Este GDR integra os concellos de Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, Portomarín, Sarria e Taboada e na última convocatoria leva aprobados 22 proxectos que contarán con 611.000 euros e que suporán un investimento inducido de 1,3 millóns. En total, en toda a provincia de Lugo, hai rematados 97 proxectos do actual plan Leader, que recibirán unha axuda superior aos cinco millóns de euros.
Marca galega
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez destacou o peso que teñen empresas familiares coma a de Pazo de Vilane que creceron sempre vinculadas ao territorio. Dunha banda, para a creación de emprego (contan con 25 traballadores, 17 deles mulleres) e, por extensión, para a dinamización económica da contorna. Ademais, este tipo de compañías manteñen a imaxe de calidade dos produtos agraoalimentarios galegos, neste caso, a través dos seus ovos campeiros.
Esta empresa de Antas de Ulla conta con dúas explotacións avícolas no concello con capacidade para 43.000 galiñas, alimentadas por pastos tenros durante todo o ano. É líder no ámbito dos ovos campeiros a nivel nacional.