InicioEconomíaCastroverde impulsa un "plan pioneiro" para reagrupar terras agrarias e forestais

Castroverde impulsa un “plan pioneiro” para reagrupar terras agrarias e forestais

O Concello apoiará con 200.000 euros a concentración de parcelas para facer máis rendible o sector agrogandeiro e forestal, "vital" para a economía do municipio.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE | O Concello de Castroverde está a impulsar un “plan pioneiro en Galicia” para facilitar a reagrupación de terras agrarias e forestais co obxectivo final de facer máis rendibles as explotacións agropecuarias do municipio.

O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, informou de que o Concello lanzará “nas próximas semanas un plan de subvencións pioneiro en Galicia, dotado cunha partida orzamentaria de 200.000 euros, para favorecer a agrupación de parcelas no municipio”.

Arias explicou que os técnicos do Concello están a traballar estes días na elaboración das bases que regularán a concesión desas axudas municipais, para crear “parcelas máis grandes que sexan rendibles para o sector da agricultura e a gandería”, que considera “vitais” para a economía local e para fixar poboación no rural.

O rexedor explicou que a administración local concederá axudas “a todas aquelas agrupacións de propiedades” que se produzan mediante “permutas voluntarias entre titulares de parcelas agrarias ou forestais, residan ou non no municipio”.

BASES EN CONSTRUCIÓN

“Un dos requisitos principais para que as subvencións sexan aprobadas é que se unifique, polo menos, un 20% do número de parcelas iniciais”, dixo o alcalde, quen tamén avanzou que os propietarios dispoñerán dun prazo amplo, de oito a dez meses, para chegar a acordos voluntarios con outros titulares e presentar así “un proxecto consolidado”.

Unha comisión municipal encargarase de avaliar as diferentes propostas e daráselle prioridade a aquelas leiras que se reagrupen na “contorna de núcleos rurais”.  Ademais, os beneficiarios das axudas quedarán exentos de impostos municipais e dispoñerán de “asesoramento técnico”. “As explotacións agrogandeiras verán diminuír os custos de produción, ordenaremos o territorio e usaremos o campo como devasa”, dixo Arias.

O alcalde presentoulle este plan ao secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, quen asegurou que Castroverde será “punto de referencia para a Galicia rural” e este programa supoñerá “un antes e un despois na concentración de leiras, unha demanda que levamos anos reivindicando”.

+ posts

ÚLTIMAS

As XXXVII Xornadas Luis Asorey analizarán os potenciais terapéuticos dos recursos naturais

  O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19...

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

O Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a recreación histórica da festa á feira INTUR de Valladolid

Concello de Lugo levará o Arde Lucus á 29ª edición de INTUR, a Feira...

A Deputación participa na nova reunión da veciñanza do Courel arredor da castaña

  A Deputación de Lugo participou este sábado na XXXVII Festa da Castaña do Courel,...