EFE | O sindicato Unións Agrarias (UU.AA) pide á Administración que acuda ao “rescate” do sector cárnico galego, “con fondos propios ou con fondos europeos”, porque neste momento, por mor da baixada de prezos en orixe, “non é que non teñan beneficios, é que están a tirar de aforros para manter a produción”.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, precisou que o que “perciben os gandeiros polo quilo de carne está lonxe dos custos de produción”, de modo que unhas “7.800 explotacións, situadas en zonas desfavorecidas ou de montaña, están nestes momentos nunha situación delicada”, non tanto “polo sucedido durante os tres meses de pandemia”, senón “polo futuro que se aveciña”.
Segundo García, o peche dos restaurantes e, por tanto, dunha das principais canles de venda, orixinou “un efecto psicolóxico” que serviu para amparar unha “baixada de prezos en orixe” que “non se pode xustificar”, dado que o consumo subiu nos fogares e o prezo da carne non baixaron nos supermercados.
DESAXUSTES NOS PREZOS DE ORIXE E FINAIS
O portavoz sindical lembrou que, de acordo cos propios datos publicados polo Ministerio de Agricultura, producir un quilo de carne ten uns custos que se sitúan entre “5,10 e 5,37 euros”, cando os gandeiros que venden a súa produción a través de Tenreira Galega están a cobrar “entre 4,10 e 4,20 por quilo”, despois dunha baixada de prezo que oscila entre o 10 e o 12% —uns 50 ou 60 céntimos—. No caso dos demais produtores, “o prezo é moi variable, porque practicamente non hai mercado e o tratante dilles aos gandeiros que case lles leva o tenreiro de favor”.
“Os gandeiros que mellor venden están a facelo un euro por baixo dos custos de produción, de modo que están a poñer diñeiro, tirando de aforros para manter a actividade”, precisou, algo que “non se explica pola situación de mercado”.
García explicou que os gandeiros cobran “douscentos euros menos por becerro, supostamente porque non hai saída para as partes nobres do animal, o costelar e os solombos”. Ao estar pechados os restaurantes “non hai mercado para elas”, dado que o “consumidor non as compra por ser máis caras”. “Dese modo, lévanllas a custo 0, por ese desconto de 200 euros, pero no supermercado o consumidor segue pagando o mesmo prezo por elas que antes da crise”, lamentou.
SEN SALARIO MÍNIMO
O responsable sindical lembrou que, neste momento “no que se fala da reconstrución económica” e de axudas a outros sectores, “hai agricultores e gandeiros que non teñen un salario mínimo”. Por iso, pide á Administración “que salga ao rescate”, porque as explotacións que pechan xa non volven abrir”.
A caída de prezos e a dificultade para dar saída aos xatos poñen os gandeiros en apuros