InicioEconomíaA caída de prezos e a dificultade para dar saída aos xatos...

A caída de prezos e a dificultade para dar saída aos xatos poñen os gandeiros en apuros

"Non é só que non teñas quen chos pague decentemente, senón que ata custa atopar quen chos leve", lamentan dende Agromuralla. O sector vacún de carne é o máis afectado, pero o lácteo xa lle ve as orellas ao lobo. Unións Agrarias alerta sobre a ameaza que supoñen as "importacións ilegais" de excedentes doutros países. "A industria xa está notificando que hai que revisar os contratos. Iso é para poñer os prezos á baixa".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Gandeiras e gandeiros veciños, amigos, cruzan conversas acotío sobre o negocio. Queren saber se tal tratante levou o becerro a bo prezo, cantos quilos pesaba o animal, se a recollida foi puntual… Son as parolas de sempre, pero nestes días todas conducen ao mesmo punto: as complicacións para dar saída aos xatos nun mercado “atascado” e a consecuente brutal caída de prezos.

Quen máis directamente o sofren son as explotacións de carne. Roberto López, da asociación Agromuralla, fala dos problemas nas recollidas dos animais, que actualmente funcionan “a contagotas”: “non é que non teñas quen chos pague a un prezo decente, que iso xa por suposto, senón que custa atopar quen chos leve”. As vacas de desvelle máis delgadiñas —as peores— van saíndo, pero as que realmente son boas —con moitos quilos— , “non chas recollen ou recóllenchas á metade do prezo de antes”.

UN EURO MENOS EN QUILO

Respecto dos xatos cebados, López fala dunha caída de prezos de en torno a 1€/quilo, o que nalgúns casos se traduce en “perder uns 300 en animal, que é practicamente o que che queda libre cando o vendes”. Ademais, o tempo xoga na contra das gandeiras e gandeiros: a medida que pasan os días e o xato vai gañando peso, merma a cantidade que pagan por el. Os gastos para mantelo continúan; as perdas acentúanse.

Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, fai cálculos e estima que os produtores de Tenreira Galega ingresarán un millón de euros menos ao mes con este panorama. “Nos supermercados segue habendo os mesmos prezos ca antes da pandemia, pero os gandeiros de carne sofren unha merma moi significativa”, resaltaba.

Vacas rubias galegas | ALX

O SECTOR LÁCTEO VELLE AS ORELLAS AO LOBO

Malia que as explotacións de vacún de carne son as máis afectadas, o sector lácteo vai polo mesmo camiño. O problema actual non é tanto o prezo de leite, que se mantén estable de momento, senón o fenómeno do ‘dumping‘ que ameaza esa estabilidade a medio termo. “Falamos dunha clara práctica ilegal”, tal como a define o secretario xeral de UU.AA., pola que “países como Francia ou Alemaña teñen excedentes de leite que introducen no mercado español á metade do prezo que se lles paga aos gandeiros de aquí”.

Para o sindicato, é necesaria unha resposta uniforme da Unión Europea e unha intervención das administracións para regularizar estas “importacións ilegais”, que poñen en xaque o mercado propio e especialmente os gandeiros máis pequenos.

Este aumento na entrada de produto estranxeiro a moi baixo custo —14 céntimos segundo datos de Unións Agrarias— funciona como resorte. Roberto López, do colectivo Agromuralla, advirte: “a industria que asinara contratos dun ano xa está notificando aos gandeiros que hai que revisar eses acordos, rompelos e facelos trimestrais”. Ou, noutras palabras, facelos á baixa, segundo teme López.

“O SECTOR PRIMARIO É O QUE PRIMEIRO LEVA OS GOLPES”

De seguir por esa vía, as perdas a nivel provincial no sector do leite poderían andar arredor dos 40 millóns anuais. “Todo iso é diñeiro que non entra nos nosos petos e que nós non podemos gastar no comercio local”, lembra. Respecto da posibilidade de que iso supoña un incremento no peche de granxas, López non o ve necesariamente así. “A criba que houbo nos últimos anos vai facer que non haxa moitas máis que poidan pechar”. Provocará, iso si, que se cuestione a viabilidade daquelas explotacións máis cativas. “Estamos tan afeitos a sobrevivir con tan pouco que dar o paso de pechar case é como cortar unha perna”, sostén.

Granxa de vacas en Lugo | Ana Varela

Ao final, “quen primeiro leva os golpes é o sector primario”, continúa o líder de Agromuralla. “Saben que nós non podemos parar, así que imos ser os que antes apreten”. Para superar esta crise, que agoira “moito peor que a anterior”, pide a atención da administración, pero tamén consciencia e compromiso social co comercio de proximidade, ese que mantén en pé o agro e o tecido local.

ÚLTIMAS

Xulgan a seis persoas que esnaquizaron un supermercado na rúa San Isidro Labrador e agrediron a dúas persoas ao berro de “moros de merda”

A Audiencia Provincial de Lugo xulgará o vindeiro martes, día 5, a seis persoas acusadas de...

Denunciado un condutor en Lugo por provocar un accidente e negarse a realizar a proba de alcoholemia

A Policía Local de Lugo denunciou a un condutor por provocar un accidente de circulación e...

Localizado en Lugo un neno de 3 anos que camiñaba só mentres os seus pais rezaban

Un neno de tres anos foi localizado nunha praza da cidade de Lugo cando...

Unha persoa queda inconsciente tras unha fuga de gas na súa vivenda

Unha persoa tivo que ser trasladada tras quedar inconsciente ao producirse unha fuga de...