Que facer cando se chega á xubilación? A lista é variada e adaptada aos gustos de cada un. Pero hai plans que son doutra liga e un deles é comprar conxuntamente unha aldea en Vilalba para vivir alí todos xuntos a nova etapa da vida.
Como mínimo serán catro, pero poden chegar a ser seis. Este grupo de xubilados madrileños, entre os que hai unha avogada, un enxeñeiro e un arquitecto, decidiu que despois de levar corenta anos sendo amigos, quérense retirar xuntos nun sitio diferente.
Os Pretos, na parroquia da Torre, é o lugar que será repoboado por eles, pois están a piques de pechar a operación pola que comprarán a aldea enteira, que se atopa a oito quilómetros da localidade de Vilalba e leva cincuenta anos deshabitada. O prezo de venda: 140.000 euros, segundo o sitio web da empresa que vende a aldea.
No terreo, no que teñen á súa disposición entre 110.000 e 120.000 metros cadrados cun río que bordea a zona, árbores froiteiras autóctonas e bosque, levarán a cabo dous proxectos.
Nunha das propiedades que elixiron a idea é construír varios apartamentos nos que cada un teña o seu lugar individual e tamén espazos comúns que darán un xiro de 360 graos á aldea pois non en balde pensaron, por exemplo, nunha enfermería, unha cafetería ou unha biblioteca.
A outra parcela seleccionada é un lugar que ten dúas casas, unha delas de gran tamaño que no seu día acolleu 25 persoas, con varias edificacións externas, e tamén albergará numerosas estancias.
Así o explica a Efe Rosa Costoya, a responsable do negocio co que acordaron a venda do lugar, Galician Country Homes, e tamén asegurou que “con este proxecto” xerarán “postos de traballo” na zona.
A súa vida neste pequeno lugar que transformarán será completamente diferente á que tiñan en Madrid, pero non é unha aldea afastada, pois está ben comunicada, próxima a un núcleo urbano para poder comprar subministracións e a media hora da cidade de Lugo.
Esta proposta, detalla Costoya, forma parte dun proxecto de cohousing máis grande, pois estes xubilados colaboran coa firma para promocionar máis iniciativas como esta por toda Galicia, “non só para comprar esta aldea”.
A empresa ofrece no rural galego “case 300 produtos” e cada semana conseguen máis. Ademais, tamén operan en zonas de Asturias e parte de León e, indica Costoya, a formulación que levan a cabo ten o obxectivo de “repoboar lugares que están abandonados”.
“En Galicia temos case 2.000 lugares abandonados”, dos cales eles teñen “localizados uns 800” e cando un grupo de persoas solicita un lugar, buscan que as propiedades se adecúen á demanda, pois hai estancias para cinco persoas e lugares para 25.
Ademais, Rosa Costoya afirma que ten outro proxecto entre mans, situado noutra aldea –cuxo nomee aínda non se pode desvelar– cunha “muller de Londres” que quere “facer oficinas para os grandes executivos” das cidades que “non teñen un lugar na natureza para pasear” e desconectar do trafego urbano.
A empresaria está “absolutamente convencida” de que desta forma é posible repoboar o rural galego, pois ten clientes con “ideas innovadoras” para transformar lugares xa esquecidos da xeografía.