InicioDeportes"Son combates máis curtos, espectaculares con praia, música e sol"

“Son combates máis curtos, espectaculares con praia, música e sol”

José Cuba é un vilalbés nado en Berna (Suíza) e referente do Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana. Compite esta fin de semana en Chaves (Portugal) nas series mundiais de loita praia que, ademais, sérvelle de preparación para o campionato europeo absoluto

PUBLICADA O

- Advertisement -

Estás en Chaves (Portugal) nas series mundiais de loita praia coma preparación para o campionato europeo absoluto. Que obxectivo tes nestas series? En que momento da tempada te atopas?

O obxectivo desta competición é puntuar para os Xogos Mundiais de deportes de praia en San Diego. Xa fun o ano pasado ao mundial de loita praia. Esta proba de Chaves é unha das tres que puntúan este ano para ese ranking. É da que estamos máis preto. Os gastos son grandes a nivel de desprazamento. Entón, decidimos vir aquí porque, aínda que interfire un pouco na preparación do europeo de dentro de dúas semanas, fixémolo do xeito que interferira o menos posible.

Como describirías o deporte da loita praia?

Loita praia, ao igual que tódolos deportes vencellados á praia, teñen un compoñente un pouquiño máis lúdico e máis de espectáculo que o deporte propiamente en si. É un formato con combates máis curtos, espectaculares e con ese compoñente de praia, música e sol que ten este tipo de deportes.

Que axudas e apoios tedes? Como vos financiades? Como é o teu día a día coma deportista do Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana?

O club ten uns patrocinadores privados, que son os que axudan a manter a actividade xunto coas institucións públicas como por exemplo a Deputación de Lugo. Os gastos sufrágaos o club. Eu non teño patrocinadores nin nada. Eu teño o meu traballo, son policía. Este traballo é o que me axuda a nivel económico, manter á miña familia e dame facilidades para ter días para poder competir e seguir sendo deportista.

Como valoras o apoio e seguimento da túa actividade deportiva? No teu día a día tes que explicar a cotío a que te adicas deportivamente e explicar o que é a loita praia?

Dende que comecei até agora, si está mellor. A xente, máis ou menos, ten unha idea importante do que é. Vilalba é un pobo pequeno e todo o mundo nos coñece. O traballo que o club está a facer é moi didáctico e moi social. Todo o mundo ten unha idea. Fóra do pobo, teñen xa unha idea de que estamos a traballar ben. Nese eido, está mellor que antes. Fixemos campañas nos colexios e nas federacións. Goza de boa saúde. Non podemos durmirnos e temos que seguir traballando no seu desenrolo.

Que subliñas do traballo que está a desenrolar o Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana?

É un club que se fundou xa vai máis de vinte anos. A alma máter é Iván Castro, que é o noso adestrador e director deportivo. Tamén leva as cuestións administrativas e busca patrocinadores. Agora hai moita máis xente que colabora con el. Deste club, saíron outros adestradores que agora teñen os seus propios clubes, coma por exemplo Pontevedra, Santiago e Rábade. É un que club que, ao mellor, sempre tivo máis finalidade social que outra cuestión. Pero as cuestións foron indo a ben, a xente foi traballando e tivemos deportistas con bo rendemento. Seguimos aí traballando. En categoría júnior, están Carlos e Rubén, que son dous rapaces que están traballando ben, tomándoo en serio e ogallá poidan mellorar. É un club que goza de boa saúde. En canto a licenzas de nenos pequenos, demos un gran empurrón este ano tendo, incluso, que dividir a clase en dúas.

Que significa para ti Iván Castro, o teu adestrador e director deportivo do club?

Para mín, é unha mestura entre pai e o meu irmán. Colleume da nada. Foi o que fixo que eu chegara a onde estou. Eu podería estar falando de el durante semanas e non podería dicir nada medianamente malo de el. É unha persoa excelente. Un traballador incansable. Grazas a el, o club está onde está, ten a xente que ten e a fama que temos. O traballo ben feito sempre aporta.

Que expectativas tedes con Carlos Yobani García, loitador júnior e campión de España de tódalas categorías dende a sénior?

Parece que deu un paso á fronte. Veremos esta fin de semana se o remata para preparar con garantías as competicións internacionais. É un rapaz que está subindo moito. Hai que seguir traballando. Nunca chegas a un punto onde non podes aprender máis. É un continuo. O obxectivo que ten o club en el é que acade un bo resultado a nivel internacional. Ten que seguir traballando. Primeiro, a nivel nacional, e, despois, para ter opción a nivel internacional.

E Rubén Fraga Cal?

Leva menos tempo que Carlos. Pero estanlle saíndo ben as cousas. Esperemos que siga traballando. O seu obxectivo, polo de agora, é nacional.

Ossama Lahnin?

É o que menos tempo leva dos tres. Está acadando bos resultados. É o primeiro ano que compite e é unha primeira toma de contacto.

Cal é o teu obxectivo no campionato europeo absoluto?

O obxectivo sería rematar o mellor posible e, se acadas unha praza para os xogos europeos, mellor que mellor. Despois dos europeos, temos o campionato de España. A final de ano, xa encaramos o resto de tempada.

 

ÚLTIMAS

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...

A Deputación destina 750.000 euros a formación dixital para zonas en risco de despoboamento

A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto 'E para...

Rexistrado un terremoto de 3 graos de magnitude en Baleira

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou este xoves un terremoto de magnitude 3 no municipio lucense de...