Na liña dos últimos anos, o contrato de patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co CB Breogán implicará, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación do club –-con xogadores, persoal técnico e outros recursos– en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base e en accións para difundir e visibilizar o traballo de asociacións do ámbito social, prestando o altofalante que ten o Breogán para apoiar a labor destes colectivos.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reafirmou “o compromiso da área de Deportes co Breogán a través destes contratos de patrocinio, que sitúan á Deputación de Lugo como o principal patrocinador institucional, moi por riba doutras administracións con moita maior capacidade orzamentaria”.
Desde 2019 e sumando a cantidade consignada para a vindeira tempada, a institución provincial achegou ao CB Breogán 2,45 millóns de euros a través de contratos de patrocinio.
OUTRAS ACTUACIÓNS DE APOIO AO CLUB
Para a mellora e modernización dunhas instalacións que teñen máis de 30 anos, a institución provincial apoiou economicamente para realizar diferentes intervencións: melloras nos canlóns e baixantes para paliar os problemas de pingueiras e filtracións, aplicación dunha lámina asfáltica nas zonas máis vulnerables da cuberta, posta en marcha dun contrato de intervención rápida para atender da forma máis áxil posible a desperfectos ocasionados por episodios de choiva intensa e instalación de novos asentos no aro inferior das bancadas da pista central.
Tamén se referiu Efrén Castro á renovación da iluminación, avanzando que se completará nas vindeiras semanas, culminando a substitución das luminarias e proxectores que se veu facendo de forma progresiva; e deu conta dos traballos de pulido e limpeza da pista, que se realizou nos últimos días. A maiores, vense de adxudicar un contrato de limpeza e impermebealización das fachadas do Pazo dos Deportes cun importe de 107.000 euros.
Por outra banda tamén se está a valorar a instalación dun videomarcador e un novo equipamento de son. O vicepresidente explicou que se estuda a capacidade da cuberta para resistir a carga de peso adicional que suporía unha instalación destas características, e avanzou que, de confirmarse a viabilidade técnica, o vindeiro ano se licitará a instalación deste equipamento.
NOVAS INSTALACIÓNS PARA O CLUB?
Aproveitando este encontro do vicepresidente da Deputación de Lugo co director xeral do CB Breogán, Salva Arco, constatouse a necesidade de novas instalacións en Lugo que atendan os retos que formula o crecemento do tecido deportivo lucense en xeral e do CB Breogán en particular.
Nese sentido, ante a dificultade de realizar unha ampliación da superficie construída do Pazo –que requeriría un cambio da normativa urbanística e instalacións alternativas para que Breogán e Ensino adestren e xoguen mentras se realizan as obras– ofreceu a man tendida da Deputación de Lugo para abordar a construción de novas infraestruras, contando co compromiso doutras administracións.
A este respecto, lembrou que o propio Pazo dos Deportes se construíu coa colaboracion da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello.