InicioDeportesRudy Fernández remonta un partido sobresaínte do Breogán (94-89)

Rudy Fernández remonta un partido sobresaínte do Breogán (94-89)

Os lucenses competiron en todo momento, chegaron a ter unha vantaxe de dez puntos e foron liderando o marcador de xeito maioritario até mediado o terceiro cuarto

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Cafés Candelas Breogán perdeu ante o Real Madrid (94-89) na vixésimo novena xornada da Liga Endesa. Os lucenses son decimosextos con nove vitorias.

O Breogán comezou moi eficaz ofensivamente indo por diante no marcador en case todo momento do primeiro cuarto, salvo no 16-15. Os lucense anotaban con facilidade, aínda que lles faltaba vigor en cancha propia no eido defensivo. Jaycee Carroll anotou os primeiros dez puntos do Real Madrid. Alec Brown sumaba cinco puntos consecutivos, Ray McCallum acompañaba e Volodymyr Gerun, sempre fiable, anotaba na pintura. Os breoganistas chegaron ir gañando 7-13 e 19-25. Así a todo, un parcial final de 5-0 do Real Madrid permitía aos madridistas empatar o marcador ao remate do primeiro cuarto (24-24) cunha tripla de Facundo Campazzo, dous tiros libres errados por Emir Sulejmanović e un triple fallado do propio Campazzo sobre a bucina de final de cuarto.

Os lucenses, coma sempre, amosábanse poderosos no rebote. No segundo, coa dirección de Christian Díaz, volvían estirar o marcador ao seu favor. Cunha canastra do propio Christian, o Breogán colocábase 27-33. Os breoganistas eran superiores. Tres triplas de Lucio Redivo, Johan Löfberg e Ray McCallum supoñían a máxima vantaxe lucense (34-44). Os madridistas respondían cunha canastra de Gabriel Deck e unha tripla de Felipe Reyes. Pero un canastón de Ray McCallum sobre a bucina reflectía un 39-46 ao descanso.

No terceiro cuarto, Lucio Redivo comezaba anotando e os lucenses subían a renta a nove puntos (44-53). O Real Madrid intensificaba o seu ataque e, cun parcial de 15-4, os madridistas colocábanse catro puntos por riba (59-55). Respondía Johan Löfberg cun tiro lateral de dous puntos (59-57). Cun inmenso Rudy Fernández (14 puntos neste cuarto con 3 triplas) e coa intimidación de Walter Tavares, o Real Madrid íase no marcador ao final do terceiro cuarto (72-62). Debutaba tamén en ACB o escolta lucense Sergi Quintela.

Pero o Breogán nunca se foi do partido. Así, cun parcial de 0-8, colocábase a só cinco puntos (75-70) despois dunha recuperación con bandexa incluída de Christian Díaz. E cun dous máis un de Lucio Redivo, os lucenses acurtaban a tres puntos (76-73). Pero o Madrid amosaba o seu poderío e, despois dun mate de Gustavo Ayón, encarrilaba a vitoria (92-80). Cunha tripla lonxana de Aleksandar Cvetković, o Breogán seguía en partido (92-85) a falta dun minuto e trece segundos. E cunha bandexa de Emir Sulejmanović, a cinco puntos a falta de 43 segundos (92-87). Facundo Campazzo anotaba dous tiros libres (94-87). Lucio Redivo falla un lanzamento e, na seguinte posesión, recibiu un balón e pisou a liña lateral. Cunha penetración final de Redivo remataba o partido (94-89).

O máximo anotador breoganista foi Lucio Redivo, con 19 puntos, seguido por Ray McCallum e Volodymyr Gerun, con 15 e 14 puntos, respectivamente.

ÚLTIMAS

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...