O Caudal Fest 2026 encara unha nova edición coas entradas do sábado xa esgotadas e só cos últimos abonos e localidades dispoñibles para o venres. A organización prevé reunir arredor de 20.000 persoas cada xornada, o que suporía uns 40.000 asistentes no conxunto do festival, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Así o informaron este mércores os organizadores durante a presentación oficial do evento, a cargo do director de Comunicación de Bring The Noise, Esteban Girón. Este salientou a evolución do festival desde a súa primeira edición, celebrada en 2018, e sinalou que en poucos anos se situou como o terceiro festival máis grande de Galicia. A organización mantén ademais o seu lema de convertelo en “a gran derradeira festa do verán”.
Girón explicou que a resposta do público xa se reflectiu na venda de entradas, con varios miles de abonos vendidos desde o inicio da comercialización e o sábado completamente esgotado. As últimas localidades dispoñibles, “uns poucos bonos e algunha entrada do venres”, pódense adquirir a través do único punto de venda oficial, caudalfest.es.
No apartado musical, o Caudal Fest mantén a súa aposta por grandes nomes nacionais e galegos e amplía o abano de estilos respecto dos seus primeiros anos, cando o festival estaba máis centrado no indie estatal. O cartel deixa un venres marcado por unha potente xornada inaugural con actuacións de bandas e artistas como Lori Meyers, Xoel López, Pignoise e Sanguijuelas del Guadiana. A eles sumaranse Barry B, Ortiga, Besmaya, Anni B Sweet e No quiero.
Xa o sábado 19 subirán aos escenarios propostas como Siloé, Ultraligera, Sexy Zebras, Leire Martínez, Inazio ou La La Love You, configurando unha segunda xornada centrada no pop e no indie estatal. A responsable de Patrocinios Musicais de Estrella Galicia, Elena Pereiro, destacou durante a presentación a colaboración da compañía co festival e puxo en valor a proposta artística desta edición, que combina nomes consolidados da escena nacional e galega con grupos e artistas que están agora mesmo en tendencia.
EMPREGO
Pola súa banda, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, puxo o foco no impacto deste tipo de eventos máis alá da música. Sinalou que o festival xera cultura, espectáculo e diversión, pero tamén emprego, dinamización económica e proxección para Lugo e Galicia. Como explicou, o Caudal Fest xerou arredor de 1.000 empregos directos e outros 1.000 indirectos, ademais dun impacto económico millonario e dunha ocupación hoteleira próxima ao 100 por cento durante a fin de semana.
Gómez Román destacou tamén que o festival encaixa cun dos obxectivos do Xacobeo, como é a desestacionalización turística e a ampliación da programación ao longo de todo o ano. Neste sentido, defendeu a importancia de manter actividades que contribúan a prolongar a tempada turística. O deputado Miguel Fernández lembrou que a institución provincial colabora co Caudal Fest desde a súa primeira edición e subliñou a repercusión do evento para a cidade. “O festival achega visibilidade e proxección a Lugo e supón tamén un retorno económico para sectores como o comercio e o turismo”, dixo.
A ALCALDESA RECOÑECE O TRABALLO DE PREDECESORES
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, puxo en valor durante a súa intervención que a colaboración entre as distintas administracións foi fundamental para impulsar o festival e avanzou que esta edición incorporará tamén un compoñente social e que varias entidades disporán de espazos durante o evento “para dar a coñecer ese labor incrible que fan día a día”.
Candia sinalou ademais que o Concello traballa en medidas relacionadas coa mobilidade e o reforzo do transporte público durante o festival. Tamén destacou a oportunidade que supón a celebración do Caudal Fest para promocionar Lugo entre os milleiros de visitantes que acudirán á cidade e dar a coñecer os seus recursos turísticos. A rexedora lucense aproveitou a súa intervención para recoñecer o traballo de quen impulsou o festival desde os seus primeiros anos, especialmente dos anteriores dirixentes socialistas Lara Méndez e Mauricio Repetto, e reivindicou o Caudal Fest como parte do patrimonio cultural e de lecer da cidade.
