A deputada de Cultura Iria Castro visitou este mediodía a sala capitular do claustro do Museo Provincial de Lugo, reaberta ao público tras os traballos de modificación e actualización do discurso expositivo que se realizaron nas últimas semanas.
A intervención, incluída dentro do Plan de Mellora do claustro que se iniciou en 2025 coa rehabilitación dos paramentos leste e oeste e a renovación museográfica da ala oeste, centrouse na reparación de enlucidos e cintados e na renovación do módulos que soportan as pezas, mellorando a estética museográfica do coxunto.
Na renovada sala capitular do MPL expóñense 23 pezas: 20 epígrafes romanos, dúas estelas anepígrafas e unha basa con fragmento de fuste. As inscricións romanas, contextualizadas temporalmente entre os séculos I e IV d. C., corresponden a 16 aras, dúas estelas funerarias e dúas placas coa inscrición fundacional da cidade de Lucus Augusti, dedicadas a Roma e a Augusto polo senador romano Paullus Fabius Maximus, gobernador da provincia Hispania Citerior entre os anos 4 e 1 a. C. e fundador da cidade lucense e de Bracara Augusta.
Iria Castro destacou que “a intervención actualiza e pon en valor as coleccións do Museo e remarca tamén o interese do propio claustro, unha das xoais patrimoniais da cidade de Lugo” e avanzou que “a renovación continuará nos vindeiros meses con actuacións noutros espazos do claustro até a súa remodelación integral”.
95 aniversario da declaración do Claustro do MPL como Monumento Histórico Artístico.
A reapertura da sala coincide co 95 aniversario da declaración do Claustro do Museo Provincial de Lugo como Monumento Histórico Artístico (actualmente Ben de Interese Cultural), decretada o 3 de xuño de 1931. Atendendo á efeméride, o Museo dedicou as súas xornadas anuais de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense, celebradas o pasado mes de marzo, ao claustro e ás súas coleccións. A exposición temporal organizada con motivo das xornadas, baixo o “Patrimonio material e inmaterial do claustro do Museo Provincial de Lugo”, pode visitarse ainda nos corredores do claustro.
