O Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo será o escenario da vixesimocuarta edición dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar o próximo 21 de marzo de 2026. Deste xeito, a cidade verase converterá por primeira vez na historia en sede destes galardóns que convoca a Academia Galega do Audiovisual.
O anuncio realizouse este martes no propio auditorio, nun acto no que participaron representantes da Academia e das institucións locais e provinciais. A presidenta da entidade, Lucía Veiga, cualificou este paso como “unha honra” e un acto de xustiza histórica: “Por fin, Lugo será a casa do audiovisual galego. Non é só unha gala, é un punto de encontro para facer comunidade ao redor do noso talento”.
Na presentación estivo tamén a vicepresidenta da Academia, Carmen Méndez, os deputados Efrén Castro e Iria Castro, e os concelleiros Rubén Arroxo e Maite Ferreiro. O calendario da 24ª edición arrinca en outubro de 2025 coa apertura de inscricións de obras. En xaneiro de 2026 daranse a coñecer as finalistas e en febreiro celebrarase a tradicional Xuntanza de Finalistas, onde tamén se entregará o Premio de Honra Fernando Rei.
Nos días previos á gala, Lugo acollerá diversas actividades paralelas que transformarán a cidade en capital do audiovisual galego. Espérase a participación duns 200 profesionais e a implicación de máis de 50 empresas, consolidando aos Mestre Mateo como o gran escaparate do talento creativo de Galicia, cada vez máis presente en festivais internacionais e nas pantallas de dentro e fóra do país.
As institucións lucenses coincidiron en destacar a relevancia deste acontecemento, non só como escaparate cultural, senón tamén como motor económico, “cun impacto positivo no sector turístico”. Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, Iria Castro, describiuno como “un día histórico para Lugo”, subliñando que a provincia, a pesar da súa condición periférica, foi berce de figuras crave do cinema e a televisión en Galicia, como os irmáns Coira ou a actriz Melania Cruz. “Queremos que este sexa un punto de inflexión para atraer máis proxectos e situar a Lugo como epicentro do audiovisual galego”, apuntou.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, engadiu que a chegada dos Mestre Mateo á cidade permite saldar unha débeda co talento local: “Moitas creadoras e creadores teñen as súas raíces en Lugo e é tempo de recoñecelo. Queremos que sintan esta terra como a súa casa e compartir con eles esta celebración”.
